El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | INVESTIGACIÓN

Galicia non é país para investigación

05-10-2020 18:29:37

Distintas fontes próximas á Secretaría Xeral de Universidades confirmaron a InvestiGal que a Xunta de Galicia non ten intención de convocar no 2020 as axudas para contratos posdoutorais (Modalidade A e B) do programa autonómico de I+D+i. Esta decisión xustifícase, aparentemente, en base “a que os presupostos non foron aprobados polo Parlamento de Galicia”.

A falta de previsión da Xunta nunha convocatoria como esta, que é de carácter anual dende o 2016, ten consecuencias directas e negativas sobre a investigación galega e o colectivo que a sostén. Por unha banda, impide que os/as novos/as doutores/as (cerca de 400 por ano en Galicia) poidan acceder a algunha das 50 axudas deseñadas para a etapa inicial do posdoutorado, as correspondentes á Modalidade A. Esta Modalidade A permítelles iniciar a súa etapa posdoutoral e formarse nos mellores centros de investigación no estranxeiro durante dous anos, de xeito que poidan retornar este coñecemento (e o investimento público dedicado á súa formación) ao noso país mediante un terceiro ano de contrato en Galicia.

“A incerteza na mobilidade internacional pola COVID” é, precisamente, outro dos motivos que a Secretaría Xeral de Universidades alega para non convocar a Modalidade A das posdoutorais. Con todo, outras axudas posdoutorais que tamén implican mobilidade internacional mantiveron sen alteracións o seu calendario de convocatorias, como as Postdoc Berri do Goberno Vasco (convocadas en xullo) ou o prestixioso programa europeo Marie Skodowska-Curie Actions (MSCA).

A continuidade destes programas é un reflexo da aposta decidida pola investigación de ambas as dúas institucións en tempos de COVID. Se ben é certo que a mobilidade internacional é un dos aspectos máis interesantes da modalidade A, o goberno galego tivo máis de 6 meses para pensar en como flexibilizar as estadías para que se puidesen levar a cabo con todas as garantías sanitarias, ou mesmo buscar fórmulas alternativas baixo as que convocar estas axudas.

Por outra banda 31 investigadores da convocatoria 2017 da Modalidade A quedarán no paro o próximo mes de decembro, sen posibilidade de continuidade a través dalgunha das 20 axudas posdoutorais da Modalidade B que convoca anualmente a Xunta de Galicia, e que ata o de agora supoñan un inestimable pulo á investigación no noso país. Dende InvestiGal acollemos con sorpresa esta decisión, tendo en conta o comunicado emitido o pasado 29 de abril polo propio goberno galego: “No caso da modalidade B dos contratos posdoutorais, de permitilo as circunstancias prevese realizar unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021”. 

Os problemas relacionados coa convocatoria destas axudas posdoutorais non son novos e amosan o pouco interese que o goberno de Galicia ten en considerar a investigación como eixo estratéxico do país. No ano 2015 non foron convocadas, e desde 2016 prodúcense atrasos sistemáticos na súa convocatoria, o que favorece que as persoas candidatas pasen longas tempadas no paro, agardando por esta oportunidade laboral, ou mesmo a fuga de cerebros ao estranxeiro, facendo que perdamos talento propio que foi formado con presupostos públicos.

O “Colectivo de Investigadores Posdoutorais de Galicia” xa denunciou en xullo de 2019 a falta de continuidade entre a modalidade A e a B e tras mobilizarse activamente conseguiron que a Xunta financiase aos investigadoras/es posdoutorais uns “contratos ponte” de 3 meses durante a fase de transición entre o final da Modalidade A ata a resolución da Modalidade B . Grazas a este parche improvisado, só estiveron no paro 1 mes. Tras este logro, o Consello da Xunta de Galicia sentou un precedente ó aprobar o 31 de outubro de 2019 un convenio entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) que garante a contratación temporal do persoal investigador posdoutoral da modalidade A mentres non remate o período de avaliación necesaria para acceder á modalidade B.

Lonxe de ser unha solución ao problema no atraso das datas das convocatorias e a escaseza de recursos destinados a estas convocatorias, a Xunta de Galicia debería cumprir con este acordo e financiar os contratos temporais destes 31 investigadores ata que se resolva a próxima convocatoria da modalidade B. Esta falta de previsión e vontade por parte da Secretaría Xeral de Universidades levará a que as investigadoras e investigadores posdoutorais que esperaban o seu acceso á modalidade B non poidan seguir exercendo o seu traballo docente e investigador.

A falta de continuidade entre programas penalizará as súas carreiras profesionais: paralizaranse as súas liñas de investigación, perderán horas de docencia e seralles imposible comezar ou seguir coa titorización de estudantes de TFGs, TFMs, ou teses de doutoramento. Tamén as súas vidas persoais veránse afectadas tanto polo desemprego coma pola incerteza xerada. A falta de continuidade prexudica non só aos investigadores/as afectados/as, senón tamén ás propias institucións, xa que provoca que parte do colectivo investigador galego abandone o programa posdoutoral autonómico para traballar noutros centros e mesmo noutros países.

A “fuga de cerebros” é importante, máis tendo en conta que a Xunta investiu na formación de cada unha destas investigadoras e destes investigadores entre 100.000 e 120.000 euros. Deste modo, dase o terrible parodoxo de que tras formar en Galicia a un colectivo investigador de excelencia, o goberno da Xunta permite que os froitos do seu traballo os rentabilicen outras partes do Estado español ou outros países. Se a perda de persoal investigador altamente cualificado é inadmisible baixo calquera circunstancia, na situación actual de crise sanitaria, económica e social resulta aínda máis ilóxico e perigoso.

Os principais programas nacionais e internacionais manteñen un calendario continuo e estable das convocatorias, axudando a minimizar a precariedade dos investigadores/as ao facilitar a súa planificación. O Colectivo de Investigadores Posdoutorais, integrado en InvestiGal, propuxo o ano pasado unha serie de suxerencias de “custo cero” á Secretaría Xeral de Universidades para solucionar o problema: 1) a necesidade dun calendario continuo e estable das convocatorias co fin de facilitar aos investigadores/as e os grupos de investigación a planificación da xestión dos recursos humanos ; 2) a realización das avaliacións das actividades investigadoras durante a metade do contrato de retorno, 3) a presentación de solicitudes para a modalidade B nos últimos meses do contrato da Modalidade A.

Dende InvestiGal apoiamos estas medidas, que de feito foran presentadas durante a última campaña electoral en reunións individuais cos distintos partidos políticos, incluíndo o grupo parlamentario do PPdeG. Polo tanto, solicitamos á Xunta de Galicia que convoque tanto a Modalidade A coma a Modalidade B o antes posible co fin de garantir a continuidade das carreiras dos investigadores/as posdoutorais que conseguiron o doutoramento recentemente e dos 31 investigadores/as que rematan o seu contrato o 31 de decembro de 2020. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias