O
deputado nacionalista, Néstor Rego, anunciou que exixirá este
martes na Comisión de Industria, Comercio e Turismo, a través dunha
Proposición Non de Lei a intervención pública da factoría de
aluminio de Alcoa en San Cibrao. “Atopámonos nun momento decisivo
no que a nacionalización é agora, máis que nunca, a única saída
para salvar a planta, despois de que a empresa comunicase a parada
das cubas, a entrada nun ERE e o despedimento de 415 traballadores e
traballadoras”, explica Néstor Rego.
O
BNG leva desde que se anunciara o peche da factoría reclamando, quer
no Congreso quer no Parlamento galego, a nacionalización da planta
para retornala ao ámbito público, mantendo desta forma os postos de
traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña.
“O Goberno español, conxuntamente co Goberno galego, debe pór
sobre a mesa a nacionalización de Alcoa para salvar o complexo
industrial e os empregos directos de máis de mil traballadores e
traballadoras” salientou.
O
pasado 11 de setembro, PSOE e PP votaron en contra doutra iniciativa
que presentara o BNG no Congreso na que se instaba a apostar pola
intervención pública da planta de aluminio no caso de fracasar a
negociación con Alcoa para a súa venda. Despois do fracaso das
negociacións, Rego explicou que “nin o marco normativo galego, nin
o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de
Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política
das Administracións públicas”. Tal como o Propio Néstor Rego ten
explicado, a nacionalización de sectores estratéxicos para a
economía, cando estes están en risco é unha alternativa
perfectamente viábel, e de feito, temos exemplos doutros gobernos
europeos que aplicaron recentemente intervencións públicas en
diferentes empresas, como o Goberno italiano para salvar unha fábrica
similar en Sardeña ou a mesma vontade que tivo Angela Merkel en
Alemaña para nacionalizar Lufthansa.
O
deputado nacionalista asegurou que desde o BNG vaise facer toda a
presión institucional posíbel para garantir un futuro digno na
comarca da Mariña porque “é evidente que non se pode permitir que
o goberno galego e o español laven as mans e non actúen coa
contundencia necesaria nun momento crítico social e económico como
este no que están en xogo milleiros de postos de traballo. A
nacionalización é único camiño para salvar a comarca da Mariña”. Departamento de comunicación