Galicia conta con 136 Concellos
Emprendedores tras a incorporación dos municipios das Pontes, Ponteceso
(provincia da Coruña), Ponteareas (Pontevedra) e Ribadavia (Ourense) que
comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao
investimento empresarial para estimular a actividade económica e
facilitar os trámites administrativos.
Deste xeito, A Coruña conta
con 35 Concellos Emprendedores, Lugo con 18, Ourense con 61 e
Pontevedra con 22. Esta distinción supón apoiar a actividade industrial
en Galicia con máis axilidade administrativa e bonificacións fiscais,
apostando, deste xeito, polo crecemento económico da Comunidade galega e
pola dinamización do tecido produtivo. Para ser Concello
Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus
respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen
que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de
Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de
investimentos para Galicia.
A Xunta está a dar prioridade aos
Concellos Emprendedores en diversas liñas de axudas destinadas a
impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento
baseado na innovación e no talento. Para iso, o Goberno galego establece
nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia
competitiva, un criterio específico.
Os Concellos Emprendedores,
pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese
por afincarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores
facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na
tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos
concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha
bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que
impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes.
Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite
avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.