C.X.P.X. | A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolleu
en parte a solicitude de medidas cautelares presentada polos sindicatos
Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), Confederación Intersindical Galega
(CIG) e Unión General de Trabajadores de Galicia (UGT Galicia) e ordena
a Alcoa que se absteña de “levar a cabo calquera actuación dirixida a
facer efectiva a parada das cubas” na factoría de San Cibrao (Lugo).
Os maxistrados entenden que sería unha medida “desproporcionada”
outorgar á Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI) a
administración da planta de aluminio mentres dure o proceso de
impugnación de despedimento colectivo e se dite sentenza firme. O
tribunal manifesta que, en lugar da administración, a intervención
sería, en todo caso, unha “medida alternativa igualmente eficaz e menos
prexudicial” para a empresa.
Os xuíces indican no auto que esta intervención, que estaría
orientada a controlar as actividades desenvolvidas na planta co
obxectivo de manter as cubas en situación de reiniciar de inmediato tras
unha eventual cualificación do despedimento colectivo como nulo, non
concorda, con todo, coa posición procesual da Avogacía do Estado. Así,
sinalan que, ademais de manifestar na vista que non asistía en
representación da SEPI, o avogado do Ministerio de Industria asegurou
que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención
xudicial da planta”.
A Sala analiza tamén no auto, que dá resposta á solicitude de medidas
cautelares, a pretensión dos sindicatos de que por orde xudicial Alcoa
se absteña de despedir aos traballadores afectados polo ERE. Os xuíces
conclúen que isto non é posible, pois “trastornaría os límites e prazos”
que debe cumprir a empresa con respecto ao expediente de regulación de
emprego. Tampouco se acolle por parte do tribunal a pretensión de que se
ordene á factoría que manteña a actividade na planta, por considerar
que se trataría dunha “medida desproporcionada”.
Finalmente, sobre a solicitude de que se obrigue a Alcoa a manter as
cubas en situación de retomar a produción de maneira inmediata, os
maxistrados entenden que ese mantemento “devén imprescindible no caso
hipotético da inmediata readmisión que se derivaría dunha declaración de
nulidade do despedimento colectivo”, posto que o apagado das cubas
electrolíticas, “aínda non sendo un proceso irreversible, se ofrece
complexo, custoso e dilatado no tempo, carrexando, en suma, graves
prexuízos aos traballadores”. Departamento de comunicación