Sociedad
28-05-2007
As xornadas "Marca Galicia" arrancan este martes en Pontevedra para analizar o sector publicitario dende dentro e debater sobre a necesidade de crear unha marca galega que aporte un valor diferencial. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo acollerá esta actividade promovida polo Club Internacional de Prensa e que se estenderá ata o venres.
Preto de 200 profesionais e estudantes do sector publicitario e da comunicación participarán nestas xornadas, que comezan ás 10.30 horas cunha mesa debate sobre responsabilidade social corporativa, na que intervirán a xefa de márketing de Unión Fenosa, Gemma Giner; Miguel Lamigueiro, de DKV Salud; Marcos González, director de Editorial Empresa Responsable; María José Carballo, responsable desta área en Caixa Galicia, e Antón Reixa, presidente do Clúster Audiovisual Galego.
A partir das 16.30 horas, o director de Ecovigo, Carlos Prado; o director de Nova+ e da Axencia Galega de Noticias, José María Álvarez Vilabrille; Carlos Fernández Prego, de Prego&Company; o director creativo de La Nuestra, Alejandro Vázquez; o director de Galicia Media, Xoan Carlos Rodríguez, e o director de márketing de Gadisa, Antonio Cortés, participarán nunha mesa debate titulada 'Cara onde van as axencias de publicidade'.
Ás 20 horas, o presidente de Bap&Conde, Miguel Conde, impartirá unha conferencia sobre as claves que conforman a arquitectura do concepto "país".
Nos vindeiros días, a vicedecana da Facultade de Ciencias Sociais, Mónica Valderrama, e o comunicólogo catalán Joan Costa impartirán cadansúa conferencia.
Costa impartirá ademais un obradoiro o día 31 de maio baixo o título 'O plan estratéxico de Comunicación, ferramenta central na construción e o control da imaxe de marca'.
Ao tempo, celebraranse outras mesas redondas sobre a transformación da comunicación publicitaria por mor dos novos medios, a publicidade institucional e limitacións da creatividade publicitaria.
Por último, o día 1 de xuño ás 10.30 horas a presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, o presidente da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual, o vicepresidente do Clúster Galego do Audiovisual, o xerente do Consorcio Audiovisual e dous profesionais da produción audiovisual intervirán na mesa redonda 'Galicia marca imaxe'.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias