SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao goberno para propoñer
ao presidente da Xunta un acordo na tramitación dos orzamentos co obxectivo de
destinar o 1% das contas de 2021 á loita contra a violencia de xénero, é dicir,
115 millóns de euros o que suporía máis que triplicar os recursos actuais.
“Aínda estamos a tempo: pactemos destinar
o 1% do orzamento a acabar cunha violencia que afecta ás mulleres polo simple
feito de selo, para que nunca máis teñamos que gardar minutos de silencio, para
que nunca máis teñamos que ler na portada dun xornal este titular que onte nos
encollía o corazón: Un neno de tres anos
enfróntase ao seu pai cando pegaba a súa
nai en Vigo. Nunca máis estes titulares e para logralo é necesario ter máis
recursos”, alegou a líder nacionalista.
Pontón iniciou a súa intervención deixando
claro que si hai saída para a violencia machista e que este é un problema social
de primeira magnitude e como tal debe ser tratado tamén no Parlamento, “sen rifi-rafes estériles”. Previamente ao
inicio do Pleno, o grupo parlamentario sumouse a campaña do BNG con motivo do
25N que este ano leva por lema A
violencia machista segue aí, campaña coa
que a formación nacionalista quere transmitir a dobre mensaxe de que non se
pode tolerar que a pandemia faga invisible este problema e que a loita
continúa.
Non se pode
permitir que a violencia de xénero pase a un segundo plano, “porque o machismo
ten demostrado que tamén pode ser un virus letal para miles de mulleres” e,
polo tanto, a urxencia da COVID non pode ocultar a violencia de xénero, nin o terrorismo machista que atenta directamente
contra a liberdade e contra a vida da metade da poboación. “A violencia machista segue aí e para combatela
necesitamos máis recursos”, concluíu Pontón. Departamento de comunicación