O grupo folk Luar na Lubre está a gravar o seu novo disco, "Camiños da fin da terra". A formación acaba de volver da súa xira brasileira, durante a que congregaron a máis de 3.000 persoas nos teatros de Rio de Janeiro, Sao Paulo, Niteroi e Brasilia. Segundo difundiu nun comunicado, Luar na Lubre ten previsto publicar o seu décimo traballo no mes de setembro. O álbum conterá doce cancións que achegarán as lendas e misterios dos camiños, paisaxes que falan de mundos máxicos nos que a natureza se funde coa música. O grupo adiantarán algunhas destas novas cancións nos seus vindeiros concertos, mentres que a xira do novo disco arrancará en outubro. Luar na Lubre ten colleitado un notable éxito no resto do Estado e noutros países, especialmente tralo recoñecemento de Mike Oldfield. Dos seus últimos cinco discos vendéronse máis de 300.000 copias. Con 'Plenilunio' e 'Cabo do mundo', Luar na Lubre acadou o disco de ouro. O xurado dos Premios da Música concedeulles ademais o premio á mellor canción en galego nos anos 2000, 2003 e 2005, por 'Chove en Santiago', 'Devanceiros' e 'Hai un paraíso', respectivamente. 'XV Aniversario' e 'Cabo do mundo' obtiveron o recoñecemento como mellor álbum en galego e de novas músicas, mentres que 'Tu gitana' foi elixida no 1999 como mellor canción doutras músicas.