Os concellos de Galicia disporán este ano de 1.068.965,21 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Esta cantidade resulta de sumar os 904.713,34 euros que librará nestes días o Goberno de España ao conxunto dos municipios e os 128.184,96 euros que os gobernos locais non executaron das achegas do ano 2018 e que se lles permite executar neste exercicio.
As contías por municipio están detalladas na Resolución do 10 de decembro de 2020, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2020 (BOE do sábado, 12 de decembro).
Os criterios de repartición foron establecidos polo Real Decreto 1023/2020, de 17 de novembro: criterios de poboación, a incorporación ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGen) do Ministerio do Interior e a existencia de vítimas usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas da violencia de xénero (Atenpro) empadronadas no municipio.
Os concellos deberán destinar estos fondos a programas para a erradicación da violencia sobre a muller. O Pacto de Estado contra a violencia de xénero establece como destinos desta cantidade a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e a elaboración de materiais para ofrecer información en materia de violencia contra a muller.
Tamén se poderá destinar o diñeiro para promover as Unidades de Apoio e reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller. Por último, realizar actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes, son outras das actuacións ás que están orientados estes fondos, do mesmo xeito que ao reforzo dos Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema VioGen e o reforzo dos Puntos de Encontro Familiar. Como novidade, este ano, os fondos poderán ser executados polos municipios ou ben por mancomunidades de municipios ou comarcas.
Pacto de Estado en Galicia
A loita contra a violencia de xénero é unha das políticas prioritarias do Goberno de España. Este ano, sumando o libramento de fondos aos concellos aprobado esta semana, o Goberno de España destina a Galicia preto de 9,5 millóns de euros para o desenvolvemento de accións específicas de axuda, mellora de coordinación e tarefas preventivas. Xunto a elas, e no marco da pandemia da COVID-19, o Goberno aprobou un Plan de Continxencia específico contra a violencia machista e trátaa con accións de seguridade policial, para favorecer o traballo das asociacións e con medidas de carácter económico para as vítimas. Departamento de comunicación