SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG cualifica de
“desastroso” o acordo alcanzado pola Comisión Europea en relación ás cotas de
pesca e critica a “satisfacción” do ministro español do ramo ante unha redución
que representa un “fracaso” para o sector pesqueiro galego.
A diminución de capturas prodúcese cando as cotas xa
foran recortadas en anos anteriores e a negociación evidencia para a formación
nacionalista o “escaso peso político” de Galiza no Estado e na UE á hora de
reclamar melloras para o sector pesqueiro.
“Entendemos que a Unión Europea non tivo en conta o criterio social que
debería primar a día de hoxe por estar en plena pandemia e as consecuencias
para o sector pesqueiro son negativas dende hai meses e porque continuamos á
espera do que suceda co Brexit”, reprocha a portavoz de Pesca, Rosana Pérez.
Segundo salienta, se ao recorte das cotas temos que sumarlle un acordo
“abrupto” e “duro” do Brexit será o momento no que o Goberno galego e o español
“terán que pensar moi seriamente que vai pasar coa flota galega”.
Un recorte dun 5% na pescada, 20% para o linguado, 20%
para o besugo, 7% para a meiga e un 20% para o abadexo, deixan na súa opinión á
flota galega en moi mal lugar para ter expectativas de manter a súa normal
actividade no ano 2021. O punto de inflexión é a cota do rape cun 13% menos de
cota o que implica que os arrastreiros galegos poderán faenar moi pouco tempo
no ano 2021. Recortes que, segundo Rosana Pérez, “ non se corresponden cos
informes das especies que salientan o seu bo
estado biolóxico”.
O BNG recalca que, polo tanto, o acordo resulta “desastroso” para a flota
galega, unha das máis importantes do Estado español. Departamento de comunicación