A CORUÑA | A sede
da Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación do libro ’75 aniversario
Teresa Herrera de Fútbol’, unha publicación editada pola Deputación e o
Concello da Coruña que repasa en 358 páxinas e centos de fotografías a historia
do veterano torneo coruñés.
No
acto estiveron presentes o presidente da Deputación da Coruña, Valentín
González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, o presidente do Real
Club Deportivo da Coruña, Fernando Vidal, o vicepresidente provincial, Xosé
Regueira e os concelleiros Juan Ignacio Borrego e Mónica Martínez.
O
libro fai un percorrido por todas as edicións do torneo a través de datos de
cada unha das finais, con aliñacións, resultado dos partidos, goleadores e
fotos do torneo masculino, ademais da do feminino a partir da edición número 68
(ano 2013), cun apartado de fotos que reflicte momentos inesquecibles do
trofeo.
Ademais,
a obra tamén inclúe artigos nos que se contan vivencias de persoas vencelladas
ao Teresa Herrera, como o de Emilio Quesada, exconcelleiro e membro da
organización dalgunhas das edicións dos anos setenta; Cristina López Villar,
profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da
Universidade da Coruña; Nacho Carretero, xornalista e escritor; Lis Franco,
Moncho Viña, Manuel González e Antón Luaces, xornalistas; Inma Castañón, exxogadora do clube
coruñés Karbo; Miriam Ríos, xogadora en activo; Joaquín Pedrido, xornalista e
Xosé A. Touriñán, actor, entre outros.
O libro conta tamén cun apartado para o
estadio de Riazor, que cumpre tamén 75 anos, a través dun álbum fotográfico que
aporta imaxes inéditas da súa construción e outras que permiten apreciar a
evolución experimentada co paso do tempo polo fogar do fútbol coruñés.
Valentín
González Formoso destacou que “máis que un torneo de verán, o Teresa Herrera é
toda unha institución, unha tradición coruñesa e unha cita obrigada para os
fieis seguidores do RC Deportivo e para os miles de afeccionados ao fútbol de
toda a provincia”, afirmou.
“O
Dépor é un motivo de orgullo para a provincia da Coruña e parte da súa historia
vén plasmada neste libro a través de artigos de numerosos colaboradores e de
imaxes que repasan os 75 anos do Teresa Herrera”, apuntou o presidente provincial,
que agradeceu a colaboración dos articulistas e fotógrafos que colaboraron na
publicación.
Pola
súa banda, a alcaldesa Inés Rey sostivo que o Teresa Herrera ten sido “un
mundial de clubes oficioso” no que participaron algúns dos mellores fútbolistas
e equipos do mundo, algúns deles coruñeses coma Luis Suárez ou Amancio.
A
alcaldesa destacou tamén a dimensión “de celebración colectiva e familiar” que
ten o torneo, atraendo xente de Bergantiños, Costa da Morte, As Mariñas e
moitos outros puntos da provincia para gozar dunha tarde de fútbol.
Pola
súa banda, o presidente do RC Deportivo, Fernando Vidal, agradeceu a
colaboración institucional que fixo posible este libro, así como a das persoas
que narran nel a sua particular visión do toreno, que este ano recuperará a súa
orixe benéfica e será “un homenaxe ao fútbol modesto” debido ás restriccións
ocasionadas pola pandemia.
Historia
do torneo
O trofeo Teresa Herrera naceu como resposta ás necesidades sociais que se
vivían na cidade na posguerra na que estaba inmerso o país. Para paliar as
penurias dos cidadáns, a Corporación municipal deu un paso adiante e ideou unha
competición futbolística que poría os piares do que hoxe é una cita ineludible,
tanto para os coruñeses como para todos os que visitan a cidade na verán.
O
nome do trofeo débese a Teresa Herrera, muller devota e entregada aos máis
necesitados, que pasou á posteridade sen nin sequera sospeitalo cando loitaba
porque se construíra un hospital para tódolos pobres da cidade. Nada en 1712
nunha familia humilde, quedou sen pai con catro anos e tivo que axudar á súa
nai no mantemento da familia, o que lle impediu recibir formación académica. Ao
morrer a nai tivo que facerse cargo de dúas irmás o que non lle supuxo problema
para dedicar o seu esforzo aos máis desfavorecidos. Aínda que morreu sen ver
cumprido o seu sono de abrir un hospital para os pobres, o recoñecemento da súa
obra chega ata hoxe, xa que o hospital materno-infantil leva o seu nome, así
como unha rúa da cidade e o trofeo de fútbol.
A través do Teresa Herrera, A Coruña abriuse ao mundo e o mundo recalou na
nosa cidade cada verán destes 75 anos traendo aos mellores equipos coas súas
figuras de cada momento. Unha historia que comezou a escribirse un lonxano 30
de xuño de 1946 cando o Sevilla se enfrentou ao Atlhetic de Bilbao, partido que
marcou a senda do que hoxe é considerado o mellor trofeo do mundo. Departamento de comunicación