MADRID | A Proposición Non de Lei presentada polo Bloque
Nacionalista Galego para a transferencia dos centros do Instituto
Oceanográfico á Galiza foi rexeitada na Comisión de Ciencia,
Innovación e Universidades cos votos en contra do Partido Popular,
Vox e Ciudadanos e a abstención dos partidos do Goberno, PSOE e
Unidas Podemos.
Na
defensa da iniciativa, o deputado nacionalista, Néstor Rego,
destacou que esta é unha reclamación histórica do conxunto da
sociedade galega, impulsada polo BNG, mais apoiada polo conxunto das
forzas políticas galegas que se manifestaron por unanimidade no
Parlamento da Galiza en diversas ocasións. A última no ano 2018, a
raíz dunha proposta levada á Cámara de representación galega pola
formación nacionalista, que contou co voto favorábel tanto do
Partido Popular como do Partido Socialista e de En Marea (en que se
integraban EU e Podemos). Todas as forzas políticas entendían que
era unha necesidade e unha reclamación de xustiza. Hoxe, no entanto,
non a apoiaron no Congreso.
“A
actividade científica e investigadora ten que estar ao servizo do
desenvolvemento social e económico e do benestar do conxunto dos
cidadáns e cidadás, polo unha
das funcións principais que viñeron tendo e deben manter os centros
é o asesoramento ao sector pesqueiro e marisqueiro”, sinalou Rego.
O
BNG entende que que os Centros Oceanográficos situados na Galiza,
concretamente na Coruña e Vigo, dependan de Madrid dificultan este
obxectivo na medida en que as decisións sobre as liñas de
investigación están condicionadas e se relega esa faceta de
vinculación da actividade investigadora á actividade produtiva
pesqueira e marisqueira.
Néstor
Rego colocou como exemplo disto que desde Madrid se eliminaron
liñas de investigación cruciais como a de cultivos de moluscos en
que viña traballando de forma pioneira durante os últimos corenta
anos o centro da Coruña e que o convertía nun centro de referencia
nesa materia.
Ademáis,
Rego subliñou que nos últimos tempos se produciron decisións
centralizadoras que limitan a autonomía de actuación dos centros
galegos. A primeira en 2014, co estabelecemento de protocolos
centralizados de determinación da xestión económica e no pasado
mes de outubro a
decisión do Ministerio de Ciencia e Innovación de integrar o IOE
dentro do CSIC.
Esta
decisión do Ministerio achou a oposición do propio persoal do
Instituto. “Foi unha decisión unilateral en que non se contou coa
opinión dos traballadores e traballadoras, nin sequera se falou coa
dirección dos centros para consultar previamente o seu parecer”
sinalou o deputado Néstor Rego.
Rego
lembrou que a Galiza leva moito retraso nesta materia, pois países
como Euskadi asumiron as competencias en materia de investigación
oceanográfica en 1981, hai practicamente 40 anos, o que lle permitiu
pór en andamento institucións punteiras como o AZTI, centro
tecnolóxico experto na cadea de valor mar-alimentación.
O
BNG entende que a transferencia destes centros permitiría darlles un
novo impulso, para recuperar o terreo perdido nos anos da crise en
que perderon recursos (só desde 2016 teñen 38 persoas menos) e para
vinculalos de forma máis intensa ao sector pesqueiro e marisqueiro
galego. En todo o caso, a inicitiva nacionalista defendía que en
canto non se materialice o traspaso de competencias por parte do
Estado á Xunta de Galiza, se inicie un proceso de descentralización
dos centros e das infraestruturas do IOE situados nas cidades da
Coruña e Vigo, para que poidan ser xestionados segundo as súas
propias necesidades. Departamento de comunicación