MADRID | O Bloque Nacionalista Galego insta o Goberno español a paralizar ou
suspender as obras de ampliación da superficie do porto de Vigo da
dársena de Bouzas, no Berbés, até que a Autoridade Portuaria de
Vigo dispoña dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios
aprobada de maneira definitiva e firme, actualmente en fase de
avaliación ambiental estratéxica.
“Este
recheo, que afectará a unha superficie de 8.300 metros cadrados e
cuxa solución construtiva será a dun peirao realizado con bloques
prefabricados tras unha dragaxe de primeiro estabelecemento,
xustifícase por parte dá a Autoridade Portuaria de Vigo de maneira
xenérica alegando necesidade de espazo” explicou o deputado Néstor
Rego. Con todo, o porto de Vigo tal e como coñece o Ministerio para
a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico carece na actualidade
dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), despois de
resultar anulada por decisión xudicial. Por esta razón, Néstor
Rego solicitou ao Goberno coñecer en base a que criterios técnicos
se puido autorizar un recheo portuario cando non se dispón dunha
DEUP que substancie de maneira obxectiva as necesidades de espazo da
Autoridade Portuaria de Vigo.
“De
feito, o proceso de elaboración dunha nova DEUP atópase na
actualidade na súa fase de avaliación ambiental estratéxica,
recibindo un número importante de alegacións de diferentes
colectivos ambientais e sociais, que reclaman unha avaliación
ordinaria e que manifestan a súa oposición, precisamente, ao
proxecto de novos recheos nunha cidade que xa gañou ao mar máis de
3 millóns de metros cadrados” salientou.
O
BNG considera que para que o porto de Vigo siga sendo competitivo e
poida mellorar a súa actividade non é preciso seguir ocupando a
lámina de auga con novos recheos, máis ben é preciso poñer en
funcionamento o porto seco de Salvaterra-As Neves ( PLISAN) cunha
liña de ferrocarril que axilice o tránsito de mercadorías entre
ambas plataformas portuarias, que potencie o desenvolvemento
industrial da provincia de Pontevedra conectando os demais polígonos
do interior e modernizando a liña que nos conecta con Ourense polo
Miño.
Néstor
Rego destacou que “este novo recheo no Berbés xerou un importante
rexeitamento a nivel cidadán e institucional por parte da maioría
das forzas políticas con representación no Pleno do Concello de
Vigo”. Ademais das consecuencias de tipo ambiental nun ecosistema
privilexiado como a Ría de Vigo, esta actuación provocará un
evidente e irreparable impacto visual e paisaxístico. Ao realizarse
xusto en fronte da galería da entrada do Auditorio Mar de Vigo,
deseñada precisamente para permitir unha vista panorámica da Ría,
supoñerá retirar un dos principais atractivos desta dotación e
romper o deseño promovido polo arquitecto César Portela. Departamento de comunicación