SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón,
presentou na Coruña o Proxecto Next Generation de rexeneración
produtiva das rías cun investimento de 1.096 millóns de euros, como proposta para ser financiada con cargo aos
fondos de recuperación europeos. A líder do BNG salientou que se trataba “dun
proxecto de país que beneficia de cheo á economía real, a un sector produtivo
estratéxico e de enorme repercusión en termos de empregos e de cohesión social
de norte a sur”.
A proposta ten como obxectivo a
recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, e
recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación
científica e dixitalización, comercialización, e transformación do sector
produtivo derivado das rías, explicou Pontón, quen avanzou que trasladará a
proposta á Comisión parlamentaria de reactivación económica e social, para
recabar o apoio das outras forzas políticas.
Trátase, indicou, dun proxecto en consonancia
coas políticas definidas pola UE para obter fondos de recuperación. En
concreto, encaixa en tres liñas prioritarias para acceder ás axudas: conservación
e restauración de ecosistemas e da súa diversidade; preservación do espazo litoral
e dos recursos hídricos e transformación e dixitalización da cadea loxística do
sistema agroalimentario e pesqueiro.
“O obxectivo é conseguir a recuperación
ambiental integral e produtiva das rías para crear riqueza e emprego de
calidade no complexo mar-industria. Todo acompañado da investigación científica
oportuna e da transformación, dixitalización e comercialización da actividade
marisqueira, e desde a colaboración público-privada”, explicou Pontón. O Next Generation supón para o Estado 72.000 millóns a fondo
perdido e a posición do BNG articúlase en
tres premisas: Galicia debe recibir un mínimo de 12.600 millóns deses fondos, a xestión directa dos mesmos e que as axudas cheguen
aos sectores máis impactados, ao tecido empresarial de pequenas e medianas
empresas que sustentan o emprego e non ás multinacionais do IBEX.
As medidas no ámbito da recuperación
ambiental supoñen o groso do investimento, pois absorben 950 M€ do total, e
inclúen actuacións para suprimir todas as zonas C, aquelas nas que a
contaminación impide o consumo do produto. Ademais, medidas para completar e
modernizar a rede de saneamento en todos os concellos a carón das rías, esixencia
que tamén deben cumprir as industrias. “Trátase de evitar que chegue ao mar
ningún tipo de contaminación biolóxica, química ou física. Lamentablemente, as
18 rías galegas, toda e cada unha delas, precisa de actuacións en materia de
saneamento, en maior ou menor medida”, salientou.
Tamén se inclúe recuperar os espazos
danados por obras públicas, en particular de infraestruturas portuarias, viarias
ou industrias en desuso; a rexeneración dos fondos a través das necesarias
dragaxes adaptadas a cada caso, e o control dos ríos como principal fonte de
auga doce e de nutrientes esenciais para a produtividade marisqueira.
Consorcio de investigación
A investigación científica é a segunda pata do proxecto cun
investimento de 59 M€ , pois é a base
para rexenerar e incrementar a produción das rías. Entre as medidas incluídas,
a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación
relacionados co sector para dispoñer do maior complexo científico e tecnolóxico
europeo de estudo e coñecemento do mar.
Igualmente, proxectos para a recuperación
das zonas improdutivas ou de baixo rendemento, plans de explotación, crear bancos de semente
autóctona para bivalvos a modo de granxas
de produción de semente, desenvolvidas por un ente mixto conformado polo sector
e pola Xunta. A investigación tamén pasa por un proxecto de control de doenzas
e de especies invasoras así como pola
reciclaxe e aproveitamento dos refugallos de bivalvos.
Sociedade público-privada para a comercialización
En relación á dixitalización, transformación
e comercialización, o proxecto propón unha sociedade público-privada para a
promoción e comercialización que poña en valor o produto das rías, -marisco,
peixe fresco, conserva e produtos transformados-, tanto dentro como fora do
país. Tamén, unificar as lonxas, ampliar mercados e a posibilidade da venda
directa. Para estas medidas o proxecto
suma un investimento de 29 millóns.
“Presentamos un proxecto esencial para
Galiza que permitirá aproveitar os fondos europeos para a reactivación económica
e social, un proxecto capaz de contribuír a saír da crise da COVID, revalorizando
a nosa riqueza produtiva nun para xerar emprego nun sector estratéxico”,
concluíu, nun acto no que tamén interveu o portavoz municipal, Francisco
Jorquera, e coa presenza da deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, da portavoz
en Bruxelas, Ana Miranda, do deputado Nestor Rego, e da portavoz parlamentaria
de pesca, Rosana Pérez. Departamento de comunicación