El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Ken Loach participará o vindeiro mes en Santiago no ciclo "Conversascon"

30-05-2007

O cineasta inglés Ken Loach estará o vindeiro 20 de xuño en Santiago para participar no ciclo "Conversascon", organizado pola Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de achegar temas sociais como a globalización, a participación, o voluntariado ou a solidariedade. O director de películas como 'El viento que agita la cebada', 'Tierra y libertad' ou 'Sweet Sixteen' impartirá no Auditorio de Galicia de Santiago a terceira conferencia dentro deste ciclo, no que xa participaron Nina Pacari o pasado 19 de abril e Carlos Alberto Torres Novoa, o pasado 10 de maio. Baixo o título 'Cinema e compromiso social', Loach achegará a súa visión sobre o tratamento de temas sociais na grande pantalla. Previo á conferencia, proxectarase entre o 11 e o 19 de xuño no Teatro Principal e na Facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega un ciclo de cine social dirixido por Loach, segundo consta no programa incluído na web da Dirección Xeral. O público compostelán poderá ver no Teatro Principal o día 11 de xuño a partir das 20.30 horas o filme 'Ladybird, Ladybird'. Ao día seguinte, proxectarase 'Mi nombre es Joe' na Facultade de Ciencias da Comunicación. 'Pan y rosas' e 'La Cuadrilla' terán a súa quenda os días 13 e 14 respectivamente na mesma facultade. Por último, o día 19 o Teatro Principal acollerá a exhibición de 'Sweet sixteen'. Herdeiro das tendencias do cinema realista de Europa e do 'free cinema', defensor dos oprimidos e grande inconformista, Loach continúa a súa actividade cinematográfica. Durante este ano prepara a que será a súa próxima película, 'These times', tralo éxito colleitado o ano pasado en Cannes con 'El viento que agita la cebada', que recibiu a Palma de Ouro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias