SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG
presentou o programa, Xerar Futuro, Galiza
Next unha proposta articulada arredor de 15 ámbitos prioritarios de
actuación para mobilizar un investimento de 14.380 millóns de euros en dez anos para saír da
crise e para sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas. Un orzamento que se nutriría dos fondos
europeos de recuperación, -Next
Generation-, pero tamén do Marco
Financeiro Plurianual 2021-2027 da UE.
O documento,
cuxas liñas avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, “é unha
proposta coherente para converter a crise nunha oportunidade da que emerxa a
Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”. “Noutras
palabras, -subliñou-, unha Galiza sustentable no económico e no ambiental; unha
Galiza vangardista da man da dixitalización, da ciencia e da investigación; e
unha Galiza xusta, inclusiva e con igualdade no social”.
Pontón
explicou que Galiza Next, Xerar Futuro formula alternativas para os retos que xa estaban aquí e que a COVID tornou
urxentes. Retos que sintetizou en cinco: transición ecolóxica e ambiental,
transformación tecnolóxica e dixital, o paso a unha economía verde baseada na I+D+i,
a saúde e os coidados como piares dunha sociedade inclusiva. E igualdade de
xénero que garanta os dereitos das mulleres.
Para
afrontar con éxito eses desafíos, o BNG aposta por implicar ao conxunto de axentes
económicos, sociais, culturais. “Porque o reto é saír da crise pero non para
volver á vella normalidade, senón para dar un paso adiante, un paso de xigante que nos permita definir a
Galiza que queremos para as vindeiras xeracións”, proclamou.
Destacou
a súa confianza nun País “con ámbitos nos que podemos ser unha potencia e un
referente internacional, pero para conseguilo hai que ter ambición, visión de
futuro, proxectos e recursos”. E os únicos recursos extraordinarios son os que
ofrecen os fondos europeos de recuperación, “por iso temos a obriga de
conseguir até o último euro que lle corresponde a Galiza e temos a obriga de
acertar nas medidas que poñamos en marcha porque está en xogo a prosperidade
dos galegos e das galegas das próximas décadas”.
E tamén
por iso, o Bloque avoga pola participación de todas as Administracións, -Xunta,
concellos e deputacións-, desde unha gobernanza en tres niveis “baseada na
cooperación, lealdade e eficacia, poñendo por diante o interese xeral nun
momento que pide máxima responsabilidade co País e coa súa xente”, alegou.
Xerar Futuro, Galiza Next está
estruturado en 15 ámbitos prioritarios con propostas estratéxicas a favor dos
sectores produtivos, do tecido de pequenas e medianas empresas que sustentan o
emprego ou dos servizos públicos, e enfocado cara un novo paradigma económico
verde e tecnolóxico e inclusivo no social.
Entre as
prioridades destacou a saúde e os coidados, a ciencia e investigación, a
dixitalización, o desenvolvemento industrial, as enerxías renovables, economía
circular, a biodiversidade e a ecomobilidade, economía e ecoloxía urbanas, a
modernización da Administración, a cultura e o patrimonio e a perspectiva de
xénero para a igualdade real.
Centro de alertas epidemiolóxicas
A líder
nacionalista avanzou algunhas das propostas dun documento será explicado polo
miúdo nas vindeiras semanas. “No ámbito da saúde e dos coidados, se algo aprendemos
é que sen servizos públicos fortes capaces de velar pola saúde e polo coidado
das persoas non hai futuro, nin no económico, nin no social”, alegou.
Por iso
o BNG propón un sistema público de saúde para a Galiza do 2030, que poña no
centro a atención primaria e a medicina preventiva; que amplíe a atención
hospitalaria; que active un plan de atención a saúde mental; que reverta todas
as privatizacións; con medicina personalizada e un centro de alertas
epidemiolóxicas. E no relativo aos coidados, a estratexia Fogar para garantir o
dereito a unha vellez digna empezando por un modelo de residencias públicas.
“A
Galiza do futuro será científica ou non terá futuro”, argumentou, por iso Galiza Next inclúe un programa de captación
e retención de talento, reforzar o sistema de I+D+i en colaboración coas
universidades ou impulsar a investigación biomédica.
A industria, 25% do PIB
A
dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías son clave na proposta do
BNG, incluíndo a intelixencia artificial e a Big Data. O mesmo que a posta en marcha dunha estratexia industrial
que inclúa unha transición enerxética xusta e orientada aos sectores con máis
potencial: automoción, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal,
agrogandeiro e mar-industria. O obxectivo é que a industria supoña o 25% do PIB
en 2030 e tamén que os fondos cheguen ao tecido produtivo das PEMES e autónom@s.
Galiza Next presta
atención ás enerxías renovables con medidas como a creación dunha empresa
pública de enerxía e unha axencia para a xestión de residuos que promova a
economía circular. Nesta liña, a ecomobilidade, cunha rede ferroviaria
modernizada como principal medio de transporte ecolóxico e vertebrador do
territorio. Na aposta pola sustentabilidade, a bio-construción e a
rehabilitación de vivenda forman parte do programa.
E no
ámbito da cultura e do patrimonio, potenciar a capacidade para xerar riqueza e
emprego dunha industrial cultural que, ademais, aporta visibilidade e xera
identidade. Un documento que tamén inclúe un plan detallado para revitalizar o
rural, para a explotación do monte e un plan de rexeneración das rías, unha
proposta aberta a través dun proceso de participación, de diálogo e de contraste
coa sociedade. Departamento de comunicación