SANTIAGO DE COMPOSTELA | Ante a estratexia de vacinación fronte ao COVID-19, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) reclama prioridade para as persoas con discapacidade, uníndose así á campaña que lanza a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), entidade da que forma parte.
“É urxente protexer tanto ás persoas con discapacidade física e orgánica como o seu entorno familiar, asistencial e sociosanitario fronte aos efectos perigosos que supón infectarse por SARS-CoV-2”, explica o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen engade que “existe unha alta vulnerabilidade nas persoas con discapacidade por diferentes circunstancias de risco que fan necesarias que sexan o seguinte grupo a inmunizar na estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade e da Comunidade Autónoma.”
Dende COGAMI considérase que se debe incluír no grupo prioritario de vacinación ás persoas con discapacidade física e orgánica de especial risco, con patoloxías ou condicións que lles afectan ao sistema inmune e presentan risco de enfermidade grave. Neste grupo estarían as persoas transplantadas, con inmunosupresión, enfermidades neurolóxicas, ELA, enfermidades renais, metabólicas, respiratorias, fibrose quística, con cardiopatías, con esclerose múltiple, enfermidades reumatolóxicas, artrite, Crohn, colite ulcerosa e coagulopatías, entre outras. Estes perfís presentan maior risco de contaxio e de desenvolvemento dun COVID-19 grave e con risco alto de mortalidade.
As persoas con maior grao de dependencia, profesionais que as atenden e as persoas con gran dependencia ou con incapacidade absoluta que precisen axuda dunha terceira persoa e non teñen valorado ou recoñecido o grao de dependencia III, deberían tamén de ser prioritarias na campaña de vacinación.
Para COGAMI resulta fundamental que se proceda a unha vacinación conxunta de persoas usuarias, das súas coidadoras profesionais e do servizo de asistencia persoal. Segundo explica Anxo Queiruga “tanto no caso de que se contaxien como se teñen que adoptar medidas preventivas de illamento, impactan directamente no coidado das persoas que requiren do servizo, habendo dificultade para cubrir estas baixas”.
As persoas que proporcionan coidados non profesionais a persoas con discapacidade, sendo estas responsables coidadoras/es e conviventes de nenas e nenos, que dependen do seu coidado e benestar, dende COGAMI estiman que deberían de vacinarse ao mesmo tempo as persoas con discapacidade e tamén as que as atenden porque un contaxio suporía un risco para as persoas que requiren do seu apoio.
Por último, e para evitar infeccións cruzadas no caso de enfermidades crónicas graves, COGAMI considera a vacinación nas unidades de referencia da patoloxía ou en hospitais de día para as persoas que reciben tratamentos nos hospitais sería a mellor opción. Departamento de comunicación