Sociedad
A influencia da publicidade na información centrou "Marca Galicia"
30-05-2007
O director de Relacións Externas e de Comunicación da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Pastor Lorenzo, afirmou hoxe en Pontevedra que os medios públicos "deben liderar" a revolución dixital na comunidade galega. Lorenzo abriu a mesa 'Novos medios' das xornadas 'Marca Galicia', organizadas polo Club Internacional de Prensa en Pontevedra.
Para Lorenzo, o ente público debe "realizar un sobre esforzo" para situarse na vangarda na nosa sociedade da información" cunha defensa dos valores diferencias da cultura e a lingua galegas. Ao seu xuízo, a TVG debe ser a canle "imprescindible" para incorporar a marca Galicia aos novos espazos audiovisuais globalizados.
Xa pola tarde, a xornada centrouse na interrelación entre a publicidade e a información, a publicidade institucional e os condicionantes que calquera publicidade ten na información.
Expertos e profesionais da comunicación institucional e empresarial e da información abordaron na tarde de hoxe o papel dos gabinetes de prensa e a súa relación cos medios de comunicación.
Pechou a xornada a vicedecana da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, que fixo un repaso da evolución da identidade corporativa da Televisión de Galicia.
Valderrama sostivo que as televisións públicas confeccionan a súa autopublicidade non só cunha fin informativa, senón cun interese publicitario.
Costa
A liberdade de crear centrará a xornada de mañá, cunha mesa redonda na que participarán a directora do Club de Creativos de España, Concha Wert; o realizador creativo de publicidade Ramón Costafreda; o creativo de FMRG de Barcelona Enrique González; María del Rosario Domínguez, da empresa Marujas Creativas, e Pepe Carreiro.
A intervención máis agardada será a do comunicólogo catalán Joan Costa, que impartirá mañá pola tarde unha conferencia sobre macromarcas e un obradoiro titulado 'O plan estratéxico de comunicación, ferramenta central na construción e o control da imaxe de marca'.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias