O PÁRAMO (LUGO) | O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, constatou hoxe
os avances na primeira fase da autovía Nadela-Sarria, na que a Xunta
está a investir máis de 25 millóns de euros, para poñer ao servizo dos
cidadáns unha infraestrutura máis segura, máis rápida e máis confortable
a partir do outono do vindeiro ano. Nesta liña, e durante unha
visita ás obras, Feijóo aseverou que ao tempo que se avanza no
desdobramento, que comprende arredor de 11 quilómetros entre A Pobra de
San Xiao e Sarria centro, este mesmo ano, licitarase xa a redacción do
proxecto para completar integramente a Autovía de Sarria ata Nadela.
Ao
longo da súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso da Xunta para
seguir avanzando no obxectivo de coser o territorio con infraestruturas
de comunicación capaces de garantir as mellores condicións de mobilidade
para as persoas e para as mercadorías. Así, lembrou que nos
peores anos da crise económica, a Xunta investiu 135 millóns de euros na
construción da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte,
completando, deste xeito, o eixe que fixo posible reducir a menos de 45
minutos o tempo de percorrido entre Lugo e a capital da comarca de
Lemos.
“Hoxe o 80% da poboación de Galicia atópase a menos de 15
minutos dunha vía de altas prestacións”, resaltou, reiterando o
compromiso tamén coa vertebración da provincia de Lugo.
Ao
respecto, salientou que, neste mesmo mes de marzo licitaranse as obras
da primeira fase do acondicionamento da estrada LU-231, do eixe
Palas-Friol-Begonte, cun investimento de 2,8 millóns de euros. Ademais
de iniciarse, dentro dunhas semanas, a contratación da redacción do
proxecto do treito que resta por executar da variante leste da cidade de
Lugo.
O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para
trasladar a preocupación pola falta de avances naqueles proxectos
imprescindibles para o futuro de Lugo, que dependen da Executivo
central. Sobre este punto, referiuse ao letargo no que están sumidas as obras
da autovía A-54 entre Lugo e Santiago; e á ausencia de avances na
conexión entre Ourense e Lugo, a A-56, unha autovía que só ten en
servizo un treito que, ademais, en solitario ofrece unha escasa
funcionalidade.
Así mesmo, expuxo a necesidade de que se axilicen
os trámites e os traballos para conectar a provincia e a cidade de Lugo
coa Alta Velocidade. “En 2018 presentouse unha planificación completa
para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo-Monforte de Lemos e
Ourense, que implicaba que no 2021 estaría en servizo a primeira fase
das obras. Non obstante, aínda non se comezou un só quilómetro da súa
construción”, recordou.