O cineasta Oliver Laxe Coro e o presidente da cooperativa A Carqueixa, Jose Antonio Díaz González, presentaron hoxe na Casa Quindósn -nos Ancares- a campaña audiovisual Gandería Heroica. Este proxecto, dirixido polo artista, darase a coñecer nas redes de O Sabor dos Ancares, a iniciativa de comercialización directa de tenreira galega suprema de A Carqueixa. Componse de vídeos curtos a través dos cales Laxe difunde as artes, manexos e xeito de vivir das persoas que integran a cooperativa. Dito corpus de habilidades conformaría o que Laxe e Díaz denominan “Gandería Heroica”. Nas propias palabras do cineasta esa “gandería heroica, estes veciños que quedaron aquí, foi o que mantivo acesa a chama da candea dos Ancares”.
Laxe explica que “estamos a falar de moitas décadas na que o mundo lles dixo que o facían non era lóxico nin rendible nin racional”. Neste sentido conclúe que “con todo en contra, coidaron dos Ancares con esas invisibles vacas libres que salpican a paisaxe, esas que fan a trashumancia ata os Ancares bercianos, con todo o que iso implica a nivel cultural, paisaxístico e medioambiental”.
Na rolda de prensa, celebrada na Casa Quindós, o inmoble destinado a ser un motor cultural e de desenvolvemento rural, Laxe subliñou que “esta campaña pon o foco sobre o traballo milenario que seguen facendo aquí os pastores, o pastoreo extensivo”. Ao fío disto engadiu que cando se compra carne d’O Sabor dos Ancares, estase protexendo “un modo de vida e uns valores” que “seguirán existindo” e subliñou a importancia de iniciativas coma esta para manter os Ancares como un espazo rico en biodiversidade. Pola súa banda o presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, quixo reseñar a importancia de “dar a coñecer a nosa carne para poder manter a nosa vida no rural”.
O Sabor dos Ancares, a carne de Inditex
Este proxecto é outra das mostras da implicación de Laxe co lugar do que é orixinario. Recentemente tamén foi crucial para que a multinacional galega Inditex visitase os Ancares e coñecese a Gandería Heroica. Tras isto, chegaron a un acordo coa cooperativa e as persoas que traballan en Inditex levan xa un mes degustando esta carne que se sirve en todos os comedores da empresa. Deste xeito, Inditex pretende seguir a súa política de traballar con produtos de proximidade e favorecer o traballo de pequenos produtores.
A comercialización directa ao consumidor
Actualmente, a cooperativa A Carqueixa, está centrada na súa iniciativa de venda directa ao consumidor, O Sabor dos Ancares. A través da web www.osabordosancares.com comercializan a súa tenreira galega suprema en lotes e ao corte, que chega directa á casa dos consumidores unha vez fan o seu pedido na tenda online. O proxecto conta con menos de dous anos de vida e supón xa o 30% das vendas da cooperativa. Departamento de comunicación