Sociedad
31-05-2007
Unha subvención de 30.000 euros para desenvolver o seu proxecto foi o xerme da peza de danza que a compañía Pisando Ovos estrea o sábado no Salón Teatro de Santiago, en co produción do Centro Coreográfico Galego. Tanto é así que decidiron titulalo '30.000' e converter o diñeiro no tema da súa cuarta obra.
Baixo a dirección de Damián Muñoz, Rut Balbís e David Loira interpretarán o sábado ás 20.30 horas e o domingo ás 18 horas unha creación que reflexiona sobre o papel do diñeiro na sociedade actual. "Cando recibimos o diñeiro, empezamos a pensar que cousas traía o diñeiro, que cambiaba en nós, que importa á xente na sociedade capitalista: a sexualidade, a aparencia...", explica o bailarín. O propósito destes dous mozos é "deixar algo na xente, que vaian a casa con algo que pensar, á parte de ver formas e movementos".
O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) apoiou á compañía nun proceso que durou nove meses. A axuda consistiu nunha residencia artística en Oleiros, apoio en investigación e formación, unha residencia técnica na Sala Galán e no Salón Teatro durante a última semana, segundo expuxo a coordinadora da unidade de danza do Igaem, Natalia Balseiro.
Trátase da segunda co produción do Centro Coreográfico Galego, trala estrea do espectáculo 'Arte a escena', de ExperimentaDanza. Para a nova compañía, fundada hai tres anos por dous novos artistas, esta posibilidade que lle brinda o Igaem permítelles "traballar todos os días na danza, polo que melloramos moito a nivel físico, profundizamos na relación e en nós como bailaríns e ofrecemos un espectáculo máis maduro", di Loira.
A directora do Centro Dramático Galego, Cristina Domínguez, manifestou hoxe durante a presentación do espectáculo que a danza "é un dos puntos nos que máis hai que traballar agora
Malia a súa curta traxectoria, Pisando Ovos ten participado en festivais de danza de Galicia, como o Festival Urbán da Coruña, o Festival Isto Ferve de Vigo ou o En pé de pedra de Santiago, así como en festivais do resto de España, como o Festival de Dansa de Valencia, o Mes de Danza de Sevilla, o Cádiz en Danza ou o Escena Contemporánea de Madrid. Recentemente actuaron na capital de Ghana convidados pola embaixada española no país africano.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias