El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Joan Costa defende en Pontevedra que o goberno autonómico debe ser o motor da creación dunha marca Galicia

As xornadas sobre publicidade rematan este venres cunha mesa adicada ó audiovisual

31-05-2007

O doutor en Comunicación Corporativa catalán Joan Costa afirmou que o goberno autonómico debe ser o motor da creación dunha macromarca de país, no marco das xornadas sobre publicidade 'Marca Galicia', que se celebran estes días en Pontevedra organizadas polo Club Internacional de Prensa. A competencia entre os países por mor da globalización implica unha procura de estratexias para diferenciar os produtos e servizos dun país con respecto a outros, feito polo que a marca país cobra cada vez unha "maior importancia". A xuízo de Costa, unha macromarca país implica en primeiro lugar ao goberno autonómico como líder da iniciativa e, en segundo nivel, a institucións e colectivos cívicos e culturais, públicos e privados. O terceiro nivel estaría configurado pola iniciativa privada e nun cuarto nivel polas pequenas empresas, comercios e profesionais. Neste senso, o experto salientou que o empresariado "non debería buscar tanto nos modelos alleos, porque producen demasiada fascinación", xa que así "limítanse a imitar". Porén, as empresas modernas "precisan o contrario: crear e innovar". Costa impartiu previamente esta tarde un obradoiro no que participaron un total de 200 persoas. A liberdade para crear centrou a mesa de debate da mañá nas xornadas que se celebraron na Facultade de Ciencias da Comunicación de Pontevedra. A directora do Club de Creativos de España, Concha Wert, falou hoxe dos "freos" á creación de publicistas e constatou que "non hai liberdade absoluta, nin sequera liberdade de expresión. Segundo a directora, a maioría dos membros do Club de Creativos manifestan o medo ao proceso de creación. O medo conduce ao seu xuizo a que perigue o humor, a ironía e a sutileza. Pola súa banda, o creativo galego Enrique González relacionou o tema da mesa co das xornadas ao defender que a identidade "é o que nos diferencia" e o que fai que "teñamos a marca dada; só hai que darlle forma". Clausura As xornadas sobre publicidade rematan mañá coa mesa de debate 'Galicia marca imaxe', dirixida ao sector audiovisual, e na que participarán Marcos Gallego, da directiva da Asociación Galega de Produtoras Independentes; Ramón Domínguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual; o produtor Pancho Casal; o xerente do Consorcio do Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, e dous profesionais da produción audiovisual: Ruperto García e Julio Casal.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias