A CORUÑA | Un
total de 74 concellos da provincia da Coruña terán persoal técnico
especializado en xestión cultural co apoio da convocatoria á que a area de
Cultura da Deputación da Coruña destina nesta nova edición un total de 769.959
euros. A iniciativa ten como obxectivo a creación de emprego no sector e a
profesionalización das áreas de Cultura Municipais.
Cun orzamento de 770.000 € á área de Cultura da
Deputación da Coruña contribuirá á dotación de persoal técnico especializado
dun total de 74 concellos da provincia, nunha liña de creación de emprego
especializado que se suma á destinada a contratacións en museos e centros de
interpretación municipais que está dotada con 400.000. Desta maneira, a área de Cultura da Deputación da
Coruña colabora cos concellos na xestión profesional e de calidade da acción
cultural municipal nun ano de especial relevancia para a recuperación do sector
afectado pola pandemia.
A convocatoria promove o mantemento ou creación de
postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en
animación sociocultural. "Desde a área de Cultura queremos contribuír á
profesionalización das áreas de cultura dos concellos e tamén dos centros deles
dependentes como museos ou centros de interpretación para promover tamén boas
prácticas na acción cultural que son máis urxentes neste momento, cando a
aparición da pandemia provocou unha importante crise no sector e obrigou a
mudar as dinámicas existentes na xestión municipal cultural", sinala o
responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.
As bases da convocatoria foron elaboradas en
colaboración con entidades e
profesionais do sector para a definición dos perfís profesionais ademais da
procura da estabilidade laboral das persoas contratadas. Desta maneira, desde a
área de Cultura da Deputación quíxose facer un esforzo en contribuír á mellora
no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes,
definido requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías
profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos
postos de traballo.
Neste sentido, as modalidades establecidas na
convocatoria son mantemento e creación de postos de persoal técnico en xestión
cultural ou animación sociocultural. Na concesión contémplase o financiamento de persoal a
66 concellos ademais dos 7 da Mancomunidade de Ordes e o Padroado de Cultura de
Narón. Departamento de comunicación