El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DE LUGO

O Pleno aproba a distribución de fondos do Plan Único 2021

Inxectará preto de 24 millóns de euros na provincia.

30-03-2021 15:27:32

LUGO | A Corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno ordinario deste martes a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2021, e que suporán unha inxección de preto de 24 millóns de euros. Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán o 70% do total dos fondos, seguido da creación de emprego, á que destinas 3,5 millóns cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 800.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da Covid-19. 

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou a importancia de darlle o visto bo a estas actuacións no mes de marzo porque “nunca antes se fixo con tanta antelación, o que permite que os concellos se organicen mellor e teñan máis tempo para desenvolver as actuacións”. Engadiu que co Plan Único 2021 a Deputación axuda aos concellos “en todas as materias que son da súa competencia e que en moitas ocasións teñen dificultades para prestar por si sós, como son o arranxo de vías municipais, a creación do emprego, ou o Servizo de Axuda no Fogar”.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, asegurou que o Plan Único, o principal instrumento de cooperación da Deputación cos concellos, amosa a capacidade de xestión da institución para poñerse ao servizo das entidades locais. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son concellos pequenos e por si sós non poden afrontar moitos investimentos”, explicou. Así mesmo, destacou que o Plan Único “é unha medida axustada e atinada”, e apuntou que é “un modelo a seguir para outras administracións galegas que aínda non contan con ferramentas deste estilo”. 

Para o Plan Único a Deputación achega dos seus orzamentos 21,5 millóns que, sumando as achegas dos concellos, consegue inxectar na sociedade e na economía da provincia máis de 24M€ de fondos públicos. Os concellos presentaron as súas propostas para destinar esta achega da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras, mercados e análogos; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.


Máis de 15 millóns para obras e subministracións  

Dos 21,5 millóns do conxunto do programa, 15,2M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 332 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia.

Estas actuacións servirán para renovar pavimentos en estradas, pistas e camiños municipais, acometer redes de abastecemento de augas, mellora do alumeado público para facelo máis eficiente e dotar de novos puntos de luz a diferentes parroquias da provincia, mantemento de parques e xardíns, realización de plans de ordenación de tráfico e estacionamento, contribuír a unha recollida do lixo óptima e, en definitiva, á atención de necesidades particulares que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas.


3,5 millóns para crear emprego 

En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,5 millóns a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo no municipio. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e combater así o reto demográfico, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades. En total, vanse crear 300 postos de traballo moi diversos, como peóns, arquitectos, socorristas, monitores turísticos, administrativos, enxeñeiros forestal ou conserxes, entre outros. 


3 millóns para axuda no fogar 

En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Recibirán preto de 3 millóns, cos que poderán a máis de 3.000 veciños e veciñas esta prestación social, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados e necesarios.

En cada caso, realízase unha valoración técnica que dita que tipos de actuacións son necesarias levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan. 

O SAF, á súa vez, é un servizo que xera un gran volume de emprego nas distintas localidades da provincia. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación.


800.000 euros para medidas Covid 

Así mesmo, o Plan Único recolle nesta anualidade unha nova liña que se creou no 2020 para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos correntes derivados da pandemia da Covid-19. En total, os concellos decidiron destinar máis de 800.000 euros para esta finalidade, co que poderán mercar material de protección, conceder axudas directas a autónomos e empresas ou lanzar programas que contribúan a paliar os efectos e consecuencias da pandemia na súa localidade. Por exemplo, é o caso do Concello de Viveiro, que ten previsto destinar 200.000 euros a este fin; tamén o Concello de Antas de Ulla, que destinará máis de 100.000 euros; importante tamén é o que se vai investir en Palas de Rei, cunha partida de 92.000 euros; en Ribadeo, máis de 93.000 euros e, entre outros, o de Mondoñedo, cunha partida de 18.300 euros. 

Por outra banda, oo abeiro do Plan Único, os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 126.540 euros para o total dos municipios, entre os que destacan novas visitas guiadas no Concello de Alfoz para coñecer a súa historia e a súa arte; rutas xeolóxicas en Burela; unha campaña de promoción do Concello do Incio para poñer en valor os recursos e atractivos deste municipio; a Festa da Faba 2021, do Concello de Lourenzá; o impulso do proxecto Gumiralia, do Concello da Pobra do Brollón, ou entre outras, a promoción de localidades coma Monforte de Lemos e O Vicedo.  

Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 145.000 euros no seu conxunto, superando a cantidade destinada en anos anteriores (140.000 euros no ano 2020 e 105.000 euros no 2019). Un total de 15 concellos da provincia contemplan fondos do Plan Único 2021 neste sentido.

O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a 14.500 euros. Nalgúns casos contémplase a adquisición de novo vestiario, como en Burela e Mondoñedo; noutros a renovación do equipamento, como en Negueira de Muñiz; e outros para mantemento, pólizas de seguros e accidentes, como é o caso de Pol e Xermade.

En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 35.000 euros, unha cantidade moi inferior a anualidades anteriores debido á situación de pandemia que impide a celebración de eventos que congreguen a grandes grupos de persoas. Malia iso, concellos coma A Fonsagrada non renuncian a adaptar a súa tradicional Feira do Butelo aos novos tempos cunha edición dixital con vídeos e foros de debate; tamén Guntín aposta pola promoción do Pemento de Mougán e da Feira de Grelos; Samos adapta a súa Feira do Turismo e do Peregrino e a Feira de artesanía, e Sober, a XXXIX Feira do Viño de Amandi.

Pola súa banda, en actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións ou eventos que se celebren no ano 2021, o orzamento ascende a 221.293,13 euros. A Deputación fomenta, así mesmo, o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de case 75.000 euros van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva. 


Autonomía e responsabilidade municipal 

Con este programa de investimentos a Deputación de Lugo dá resposta a situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía xa que son eles os que deciden en que e como gastar as achegas. Ponse de manifesto que a cooperación entre administracións é a canle para satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas da provincia de Lugo, en accións de gobernanza, deseñadas e aplicadas pensando nas persoas.

O Plan Único de Cooperación cos Concellos garante a distribución de fondos públicos con total transparencia e con criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, un feito que favorece a equidade e o desenvolvemento equilibrado da sociedade e do territorio. Ademais, establece unha contía máxima de 500.000 euros e mínima de 200.000 euros, en función destes criterios, para blindar o financiamento daqueles concellos máis pequenos.

Este programa é a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os Concellos, multiplica os resultados. A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión social e territorial dos 67 concellos de Lugo a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas.  


Antelación e facilidades  

A edición do Plan Único 2021 foi a primeira que contou coas súas bases aprobadas no ano anterior ao seu período de vixencia, un aspecto moi importante para os concellos porque lles permitiu unha maior previsión para a xestión dos recursos e a contratación das obras. 

Así mesmo, a Deputación de Lugo puxo á disposición das administracións municipais outras facilidades como a opción de que poidan imputar os gastos de contratación do persoal e os investimentos licitados dende principios deste ano, é dicir, poderán xustificar aqueles desenvolvidos dende o 1 de xaneiro de 2021.

Os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2022. No caso da xustificación destes investimentos, terán ata o 15 de novembro de 2022.  


Sistema videoactas 

O Pleno desenvolveuse de maneira presencial e co novo sistema de videoactas que a institución provincial instalou no Salón de Plenos que mellora o servizo da transcrición das sesións, que ata o momento só se facían á man. As votacións realízanse mediante a pulsación de botóns e a proxección simultánea nunha pantalla que permite que todas as persoas poidan comprobar o resultado. Á súa vez, renováronse todos os micrófonos e instaláronse cámaras robotizadas que enfocan de maneira automática á persoa que ten a palabra en cada momento. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias