SANTIAGO DE COMPOSTELA | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acudiu a localidade
pontevedresa de Lalín para reclamar a paralización dos dous proxectos eólicos
que está a tramitar o Ministerio de Transición Ecolóxica e nestes momentos se
atopa a exposición pública. Rego estivo acompañado polo voceiro municipal do
BNG de Lalín, Francisco Vilariño, pola militante e veciña de Goiás, Adriana
Fernández, a concelleira de Silleda, Ana Rosa Cornado Molina, e a concelleira
do BNG en Vila de Cruces, Carlota Salgado.
Néstor Rego cualificou como
“grande ofensiva” a tramitación dos dous proxectos eólicos tramitados polo
Goberno do Estado, e denunciou o pregamento das administracións que parecen
estar ao servizo das empresas. A Xunta ten a competencia nos parques de menos
de 50MW e está a favorecer a súa instalación en todo o territorio sen control e
o Ministerio parece querer facer o mesmo no caso dos proxectos que superan esa
potencia.
“Non podemos permitir que se
siga estragando o noso medio natural, as nosas potencialidades agrogandeiras, a
nosa paisaxe en favor para grandes empresas espoliadoras que levan o beneficio
que obteñen fora do País, sen que repercuta nin un só euro na Galiza” comezou a
intervención o deputado do BNG, Néstor Rego. Neste caso, o macroparque eólico
de 112W atópase nas localidades de Lalín, Rodeiro e Dozón que, a pesar de
presentarse como dous proxecto diferenciados, a formación nacionalista
recriminou que se trataba do mesmo proxecto, “un único macroproxecto xa que a
liña de evacuación é a mesma”. Isto obedece a un intento por flexibilizar a
normativa medioambiental actual. “Trátase dun único parque. Temos que denunciar
esta fraude xa que afecta a todo o territorio sensíbel, terreo agrogandeiro e
mesmo a especies que se atopan en perigo de extinción, como é a tartaraña
cincenta” salientou o deputado do BNG.
Segundo datos oficiais do ano
pasado, Galiza exportou case un 30% da enerxía que produciu. “Hai outro dato
máis relevante aínda e é que Galiza xa produce máis enerxía de fontes
renovábeis da que consome: estamos falando dunha produción de 18.500 GW cando o
consumo se sitúa, ao sumo, nos 17.300” apuntou o deputado nacionalista. Un
excedente de máis de 1.000 GW só en enerxías renovábeis que “non repercute
positivamente en beneficio do país”.
“PP e PSOE parece que están
de acordo, unha vez máis, en que o destino da Galiza é servir os intereses de
fora. Nós queremos servir os intereses do noso pobo, do noso país e da nosa
xente e, desde logo, esta non é a vía” apuntou Rego. Lembrou que a formación
nacionalista leva moito tempo defendendo unha Tarifa Eléctrica Galega para que,
tanto familias como empresas galegas, se poidan “beneficiar minimamente por
seren un país excedentario de enerxía eléctrica: rebaixando un 30% a factura da
luz nas nosas casas e nas empresas, para facelas tamén máis competitivas”.
Por último, o deputado
nacionalista avanza que presentará alegacións ao proxecto e mesmo rexistrarán
iniciativas no Congreso exixindo ao Ministerio de Transición Ecolóxica que
paralice este macroproxecto. “Xa non debeu nin saír a exposición pública na
medida en que ten unha grandísima afectación ás zonas de produción agrícola e
gandeira” concluía o deputado nacionalista mentres animaba a cidadanía a
presentar alegacións ao proxecto e chamaba a mobilización social para evitar
que este proxecto saia adiante.
Basta xa a este espolio organizado
Pola súa
banda, o voceiro municipal do BNG en Lalín recriminou que “quen promove e
ampara estes proxectos semella non ser consciente da importancia económica
agrogandeira do territorio escollido. Trátase dun desprezo a capacidade
produtiva do rural galego e so pode cualificarse de auténtico espolio do
territorio servido aos especuladores enerxéticos do vento. Valoramos como
especialmente grave, que a diferencia doutros parques que por costume ocuparon
superficie forestal e de mato nos altos das Serras, agora estes, denominados
“Val do Folgoso” e “Monte dos Porcallos”, ocuparan na maior parte terras de uso
agrícola e gandeiro para pasto vacún. Unhas 30 granxas da contorna, de vacún,
porcino e avícola, case todas elas con moi poucos anos de funcionamento,
quedaran baixo a influencia da construción e do ruído dos aeroxeradores, a
maioría entre 200 a 400 metros de distancia. Departamento de comunicación