MONFORTE DE LEMOS | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente de Paradores de España, Óscar López, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na que acordaron levar a cabo a posta en marcha de accións conxuntas de promoción e mellora, coa finalidade de impulsar a recuperación da Muralla Medieval de San Vicente.
Tras a reunión, o Alcalde e o Presidente de Paradores ofreceron unha rolda de prensa na que explicaron os pormenores das liñas de traballo establecidas por ambas entidades, encamiñadas a acadar dobre obxectivo: recuperar a Muralla Medieval de Monforte e establecer estratexias de promoción turística de Monforte, a través do papel que o Parador de Turismo pode xogar nelas.
Accións conxuntas para a recuperación da Muralla Medieval de Monforte
Na súa intervención, o Alcalde destacou que “esta reunión serviu para analizar a situación do Parador e do seu entorno, dentro do conxunto de San Vicente. Dende o Concello procuramos poñer en valor todos aqueles elementos que poidan darlle unha promoción turística a Monforte, e o Parador é un elemento de primeira calidade que nos pode proxectar dentro da rede de Paradores no conxunto do Estado”. Deste xeito, o rexedor monfortino demandou e agradeceu o apoio da Rede de Paradores para a dinamización turística da cidade e de Monforte como capital da Ribeira Sacra.
En relación co proxecto de recuperación da Muralla Medieval, o rexedor monfortino incidiu en que dende o Concello estase a traballar xa para poder iniciar os traballos previos que poidan supor o inicio da recuperación da Muralla e do entorno de San Vicente, dado que a recente aprobación do Plan Especial do Casco Histórico permite contar cunha ferramenta esencial para iniciar actuacións de mellora no casco histórico monfortino.
“Na reunión que mantivemos hoxe, estudamos e analizamos as posibilidades que existen para levar a cabo actuacións que conleven a mellora e a recuperación da Muralla de Monforte na súa contorna, coa elaboración de estudos previos e a búsqueda de vías de financiación para elo”, destacou o Alcalde.
Neste senso, José Tomé Roca subliñou que “o que queremos é buscar unha solución de conxunto, independentemente de quen sexa o propietario de determinados tramos da Muralla, para recupera un ben de interese cultural que temos na ladeira que rodea ó conxunto histórico de San Vicente, e no que se atopa o Parador Nacional de Turismo”.
O Parador de Monforte, elemento esencial para a promoción turística da cidade
Pola súa banda, o Presidente de Paradores destacou na súa intervención o dobre obxectivo establecido trala reunión co Alcalde, de recuperación da Muralla monfortina e de promocionar, a través do Parador, as posibilidades turísticas de Monforte e da Ribeira Sacra.
“Es necesario poner de acuerdo a todo el mundo para sacar adelante el proyecto de recuperación de la Muralla de Monforte”, destacó Óscar López. En este sentido, informou das súas conversas con Turespaña, previas á reunión de hoxe en Monforte, salientando que “Tuerespaña y Paradores tienen toda la voluntad de elaborar proyectos de promoción turística para Monforte y de colaborar para la rehabilitación de su Muralla, dada su importancia histórica y su valor que como recurso turístico puede suponer”.
O presidente de Paradores tamén destacou as cifras que demostran o bo funcionamento do Parador de Monforte. En 2019, o Parador facturou 1,4 millóns de euros e tivo un índice de ocupación medio, durante as fins de semana do ano, do 71%, e do 51% de media anual. Así mesmo, mostra do bo facer do Parador, foi que o 21% dos clientes en 2019 foron estranxeiros, o cal supón unha moi importante promoción fora das fronteiras de España. Por este motivo, o Presidente de Paradores amosou o seu compromiso co Parador monfortino para seguir impulsándoo e posicionándoo dentro dos circuitos de turismo, nacionais e internacionais.
Tras a rolda de prensa, o Alcalde e o Presidente de Paradores, acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, visitaron as instalacións do Parador así como a Muralla Medieval, concluíndo a visita institucional cunha comida de traballo. Departamento de comunicación