El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

OURENSE | PARQUES EÓLICOS

O BNG esixe realizar a avaliación integral do impacto ambiental dos eólicos proxectados en Ourense

13-04-2021 18:36:32
Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa.

BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama a realización da avaliación de impacto ambiental de forma integral dos parques eólicos proxectados na provincia de Ourense (e parte de León) co obxectivo de dar cumprimento a normativa europea e así garantir a protección destas zonas de gran valor próximas á Rede Natura, nas Zonas Especiais de Conservación Ancares-Courel e Macizo Central. “Non podemos consentir o espolio do noso territorio amparado polos gobernos galego e español e por iso denunciamos esta situación aquí, en Madrid e en Bruxelas”, subliña.

En resposta a unha pregunta presentada polo BNG a través da coalición da que forma parte na Eurocámara, a Comisión Europea explica que “todo plan ou proxecto que poida ter un impacto significativo nun sitio da rede Natura 2000 debe someterse a unha avaliación adecuada das súas repercusións para ese sitio, habida conta dos obxectivos de conservación de este”. Ademais, a Comisión sinala que “tal plan ou proxecto só debe autorizarse se a avaliación determina que non causará ningún prexuízo á integridade do lugar e, cando así proceda, despois de recoller a opinión do público”. 

“É evidente que a construción dos tres parques proxectados pola compañía norueguesa Statkarft, -Rebordechao, Prada e Barjas- cun total de 450 megavatios e con novas liñas de alta tensión de 220 KV construídas nunha lonxitude de 76 quilómetros, si modificaría o espazo protexido e non se atendeu a participación dos afectados. Que os Gobernos non recapaciten e os admitan é simplemente delirante”, manifesta a portavoz do BNG en Europa. Ao respecto lembra que o de Rebordechao contaría con 28 aeroxeradores que afectarían a Laza, Maceda e Vilar do Barrio, mentres que o eólico de Prada tería 31 aeroxeradores situados na Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. Pola súa banda, o de Barjas estaría ubicado no Bierzo, e contaría con 22 aeroxeradores repartidos en Barjas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarcede.


Procedementos de recurso 

Ana Miranda afirma que o BNG seguirá moi pendente do desenvolvemento deste proceso, ao que o Bloque xa presentou diversas iniciativas contra este espolio dos recursos galegos e a afectación medio ambiental. Neste sentido lembra que a Directiva europea relativa á avaliación do impacto ambiental “contempla procedementos de recurso ante un órgano xurisdicional ou outro órgano independente e imparcial para impugnar a legalidade, en canto ao fondo ou en canto ao procedemento, das omisións, actos ou decisións que se produzan no contexto dun procedemento de avaliación de impacto ambiental”, tal e como indica a Comisión Europea na súa resposta. 

“O procedemento de infracción aberto contra o Estado español por parte da Comisión Europea, que evidentemente inclúe Galiza, é unha labazada na xestión do medio ambiente”, apunta Miranda en relación ao procedemento de infracción da CE aberto o ano pasado a respecto da Directiva sobre hábitats pola falta de obxectivos e medidas de conservación axeitados para as zonas especiais de conservación. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias