SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) organiza este mes tres visitas virtuais no marco da colaboración anual co Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia (EDUEMPRENDE) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Esta colaboración, en marcha desde 2014, estableceuse a través do programa “Atrévete a ter unha idea”, destinado a fomentar o emprendemento entre os escolares de Educación Primaria e Secundaria.
As primeiras accións deste curso escolar 2020-2021 serán visitas virtuais ao Centro Empresarial do Tambre, onde o alumnado participante asistirá a unha charla para coñecer a área empresarial, o seu funcionamento e as empresas que a conforman. A continuación, empresarios do parque empresarial ofrecerán un relatorio sobre a súa empresa.
A primeira xornada por conexión online a través de Zoom será o venres, con medio centenar de estudantes de 2º da ESO do CPR Plurilingüe Divino Maestro de Santiago, ás 12:15 horas; a segunda sesión de Eduemprende será o venres, 23 de abril, con cincuenta estudantes de 2º da ESO do IES Eduardo Pondal de Santiago; e a última charla será o venres, 30 de abril, cunha ducia de alumnas e alumnos de 2º da ESO do CPI San Vicente de A Baña. Departamento de comunicación