O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) inaugura a exposición 'Novos horizontes. Artistas contemporáneos en Francia'. Ata o 30 de setembro, a planta baixa do museo vigués acollerá un total de 67 obras, entre fotografías, vídeos, instalacións, videoinstalacións, esculturas, pinturas, debuxos e maquetas de 19 artistas galos. A mostra reúne a un grupo de creadores que nos últimos anos comezaron a despuntar na escena artística internacional. A exposición, que viaxa a Vigo tras a súa presentación no Centro Rexional de Arte Contemporánea de Alsace e La Centrale Électrique de Bruxelas, estrutúrase ao redor de diferentes temas que se entrecruzan e que teñen como fío condutor unha común preocupación dos artistas cara ao seu contexto social e político. Os artistas incluídos en 'Novos horizontes' forman parte dunha xeración que desenvolve a súa actividade artística dende hai 20 anos e que abordan temas moi latentes no panorama social, político e cultural da Francia actual, como a relixión, as críticas do mundo capitalista, as tramas terroristas, a sexualidade e a violencia, con diversos soportes. Katia Bourdarel, Martin Le Chevallier, Alain Declercq, Brice Dellsperger, Julien Discrit, Laurent Grasso, Clarisse Hahn, Élodie Huet, Patrick Jeannes, Vincent Labaume, Corinne Marchetti, Philippe Meste, Valérie Mréjen, Bruno Peinado, Frank Perrin, Fabien Rigobert, Amandine Sacquin e Bruno Serralongue compoñen a nómina de autores presentes en 'Novos horizontes'. A mostra, comisariada pola directora do Fondo Rexional de Arte Contemporánea de Calais, Hilde Teerlinck, está co producida por La Centrale Électrique de Bruxelas, o Centro de Arte Contemporánea de Alsacia e o Marco de Vigo. Actividades O Marco organiza ademais unha serie de actividades complementarias á exposición, como obradoiros infantís ou un obradoiro a cargo de Arik Levy, quen impartirá tamén unha conferencia o vindeiro martes titulada 'Home sweet home'. O Cineclube Lumière, en colaboración co Marco, coa Alianza Francesa e o Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia, pon en marcha un ciclo de cine francés centrado na figura de Isabelle Huppert ao longo deste mes e outro titulado 'Au sud du cinema', xa no mes de setembro.