El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "A reforma do Estatuto deberá garantir novos dereitos para os galegos do século XXI"

17-04-2021 17:37:32
Gonzalo Caballero (2i).

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pechou hoxe unha xornada dos socialistas galegos sobre ‘Autonomía e federalismo’ na que tamén participaron o exministro de Xustiza e catedrático de Dereito Constitucional, Francisco Caamaño, o catedrático de Ciencia Política Ramón Máiz e a vicevoceira parlamentaria e secretaria de Xustiza do PSdeG, Paloma Castro.   

Nese foro, organizado ao redor do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, o líder dos socialistas galegos subliñou a importancia de actualizar a carta estatutaria aos novos tempos unha vez pase a pandemia.   

“Superada a crise, temos a obriga de adaptar o Estatuto aos galegos do século XXI. É simple: se non o adaptamos aos galegos do século XXI, condenaremos ás novas xeracións a vivir nun modelo pensado para o século XX”, reflexionou, consciente da importancia de introducir novos dereitos na nosa carta estatutaria.   

Trátase, como dixo Gonzalo Caballero, de “repensar a norma fundamental de Galicia dende o país que se está construíndo neste momento”. “É o compromiso do PSdeG e o meu compromiso con esas xeracións de galegos e galegas que atopan no Estatuto actual respostas insuficientes ao mundo no que lles ten tocado vivir”, engadiu.   

Precisamente por iso, reivindicou que o novo Estatuto de Autonomía ten que ser acorde a novos tempos na sociedade, que implican “a igualdade entre homes e mulleres e os distintos tipos de familias”, a “procura de futuro e posibilidades para xente moza na terra”, a “aposta por un medio ambiente sustentable e por unha cultura aberta ao mundo”,  a asunción “da memoria histórica como símbolo de tolerancia” e as tendencias de “desenvolvemento das novas tecnoloxías”.   

Do mesmo xeito, o máximo responsable do PSdeG subliñou que a reforma do Estatuto non se pode “esquecer do rural”, senón que “ten que garantir todos estes dereitos en cada pobo e vila como único xeito para combater o abandono e a despoboamento”. “O novo estatuto ten que ser a blindaxe dunha Galicia de vangarda para o século XXI”, defendeu Gonzalo Caballero, consciente da importancia de que esa norma conecte “a Galicia dos nosos devanceiros e de quen traballaron durante a Transición polo estado das autonomías coas xeracións dos menores de 50 anos e tamén dos máis novos, os que naceron ou se desenvolveron xa no novo milenio e queren unha Galicia moderna”.  

Ao fío da reforma do Estatuto, Gonzalo Caballero puxo en valor a unidade social e política existente en 1981 que permitiu superar “a aldraxe” e elevar o noso autogoberno, “federalizando a autonomía”. “Da historia sempre se poden sacar leccións e por iso tamén miramos para o ano 81. Tamén entón houbo quen estaba en contra do autogoberno; e tamén entón houbo que tiña posturas maximalistas e independentistas que non foron útiles aos galegos e ás galegas; como non o son as que agora falan de autodeterminación, independencia ou confederación”, sinalou.   

Agora, subliñou Gonzalo Caballero, cómpre “altura de miras” por parte de todos para sacar adiante un novo texto que, “sen renunciar á súa esencia de vocación e integración”, se poida “adaptar aos tempos actuais”, nos que a sociedade e a política “teñen cambiado radicalmente”.   

“Vivimos na era das redes, no tempo no que as máquinas aprenden, no das comunidades dixitais, no das fake news, no dos millennials, a xeración Z ou a xeración T, aqueles que xa naceron na era dixital”, reflexionou, ao tempo que recalcou que “non podemos pensar en reformar o Estatuto mirando aos problemas do século XX, senón afrontando as reformas que necesitan as xeracións do século XXI”.   

E, tras facer fincapé en que “a reforma do Estatuto será convinte e inevitable cando superemos a actual crise” para evitar que Galicia quede “rezagada”, o líder dos socialistas galegos garantiu que “o PSdeG asumirá a responsabilidade” de introducir estas cuestións no debate. “Xa nos tocou facelo no 81, e tamén tentalo en 2007. Sempre estivemos aí, centrados en Galicia, lonxe de centralismos e de soberanismos independentistas, cun PSdeG na vangarda do autonomismo e o federalismo”, concluíu.   


Francisco Caamaño  

Antes do secretario xeral tomou a palabra o exministro de Xustiza e catedrático de Dereito Constitucional Francisco Caamaño, quen subliñou que, en países como España, a democracia non só supuxo avances en “igualdade, liberdade, dereitos civís...”, senón tamén “un recoñecemento mutuo” das distintas sensibilidades territoriais.   Nese contexto, valorou a aprobación do Estatuto de Autonomía, un texto que “como a Constitución, non é calquera lei, senón que ten unha dignidade específica”.   

Coa vista posta na súa reforma, Caamaño reivindicou “o galeguismo” do PSdeG fronte aos que pretenden “a uniformidade". “Entre o separatismo que nos quere levar por derroteiros imposibles e entre os que non nos deixan respirar e vivir o noso galeguismo, no PSdeG temos dificultade de estar no medio pero tamén a fortaleza de saber desmarcarnos de ambas opcións”, concluíu.   


Ramón Máiz 

Pola súa banda, o catedrático de Ciencia Política da USC Ramón Máiz relatou como o Estatuto que viu a luz en 1981 foi o resultado dunha grande mobilización para evitar que Galicia se convertera “nunha comunidade de segunda”. “Galicia interveu de forma global na política, alén de localismos”, destacou.   

Ademais, defendeu a importancia de apostar polo “federalismo” dentro do Estado. “Non hai un poder único no cumio da pirámide”, exemplificou Máiz, para abundar en que o federalismo permite unha estrutura de goberno “horizontal, multinivel”. Nese esquema, afondou o catedrático da USC, é no que caben “a igualdade e a solidariedade” tanto entre as persoas como entre os territorios.   


Paloma Castro  

O acto foi introducido e conducido pola secretaria de Xustiza e vicevoceira do PSdeG no Parlamento, Paloma Castro, quen sinalou a importancia de afondar no autogoberno dentro do marco constitucional.   

Precisamente por iso, a dirixente socialista reflexionou sobre a necesidade de sacar adiante unha reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia tralo paso da pandemia, a fin de “actualizar” o texto ao novo contexto e para avanzar cara o federalismo.   

De feito, Castro aludiu á pandemia para reflectir como “afectou tamén á visión da sociedade sobre o sistema de organización do Estado”, salientando o necesario “reforzo dos mecanismos de colaboración” entre as comunidades do Estado das Autonomías. Departamento de comunicación    





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias