SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes de familiares de
persoas usuarias e traballadoras de residencias, e trasladou o compromiso do BNG de actuar
politicamente “sen descanso” cara un modelo de coidados que garanta o dereito a
unha vellez digna, o que implica entender a atención ás persoas maiores como servizo
público.
“Os problemas
xa existían, pero a pandemia demostrou que non se pode seguir con este modelo e,
se despois de todo o que pasou, o resultado é que o cambio para o PP é puramente
cosmético con medidas como o expediente electrónico sería unha fraude, sería
inmoral e sería demoledor como sociedade”, salientou Ana Pontón. Un dato clarificador
explicado na comparecencia: en Galiza, das 790 persoas falecidas nunha
residencia, cinco eran usuarias dun centro público. “O problema é a
privatización, entender a vellez como negocio, ou se cambia iso ou o resto será
propaganda pura e dura”, recalcou.
Pontón
salientou que o BNG fará deste asunto unha “prioridade” da súa acción política
e avanzou algunhas das medidas que trasladou no encontro con representantes de
familiares, -agrupados na Asociación Vellez Digna-, e das Traballadoras de Residencias Galegas
(TREGA). Entre as propostas: xestión directa das
sete residencias previstas nas cidades, -“como sinal de que queremos mudar o
modelo e por iso pídolle a Feixóo que rectifique e vote a favor desta proposta
no Parlamento”, demandou Pontón. Recuperar para a xestión pública todas as
residencias privatizadas a medida que finalicen os contratos en vigor. Reforzar
de inmediato o sistema de inspección e facer que funcione para que, cando menos,
se cumpra a normativa vixente, “hoxe, incumprir sae case gratis”, subliñou
Pontón.
Igualmente, mellora das condicións
laborais das traballadoras das residencias para acabar coa precariedade e cos
baixos salarios de profesionais que aportan tanto á sociedade, aumentar a ratio
persoal-usuario e levar ao Parlamento unha Lei de residencias que substitúa a
normativa actual de 1999, “totalmente obsoleta e superada pola realidade,
aparte de que non se cumpre”, alegou a líder do Bloque.
Outro dos
aspectos no que a portavoz nacionalista fixo fincapé foi na urxencia de acabar coa
opacidade do sistema a favor da transparencia, tanto para ás familias como para
o conxunto da sociedade. “Por exemplo, non sabemos cantos cartos públicos van
parar ás empresas privadas xestionadas por fondos de investimento, que mesmo
operan desde paraísos fiscais”, indicou a modo de exemplo. Departamento de comunicación