SANTIAGO DE COMPOSTELA | Galicia retoma, tras un ano de pandemia, un dos eventos máis
populares da programación institucional das Letras Galegas impulsada
pola Xunta, a VII Carreira Camiño das Letras. Sairá o 17 de maio do Pico
Sacro e terá como meta a Cidade da Cultura para festexar a lingua
galega a través da práctica deportiva e poñer en valor o Camiño de
Santiago.
A iniciativa foi presentada hoxe polos secretarios
xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo M.
Lorenzo. Como expresou Valentín García, trátase dun acontecemento
deportivo e cultural que concita ano a ano o interese e a participación
da cidadanía e é tamén “un instrumento axeitado para achegar a xente ás
Letras Galegas e poñer en valor a obra e a figura de Xela Arias, autora
homenaxeada pola Real Academia Galega e pola sociedade”.
“Un
tributo singular desde o deporte que, de seguro, lle gustaría a Xela
Arias, xa que, se algo caracterizou a traxectoria da anfitrioa deste
ano, foi o abrir novas portas para a poesía, o esforzarse en sacala do
seu trono dourado, do seu espazo de confort, e poñela a dialogar con
outras realidades, como a fotografía ou a música”, engadiu Anxo M.
Lorenzo. Os representantes da Consellería de Cultura, Educación e
Universidade puxeron en valor a figura de Xela Arias como “unha poeta
rompedora que había de gustar de ver a literatura na rúa,
visibilizándose nunha carreira popular, e tamén ver un acontecemento
deportivo convertido en espazo de socialización en galego, na lingua que
ela mesma usou e defendeu con paixón na súa vida persoal, laboral e
literaria”.
No acto tamén participaron a directora-xerente da Cidade da Cultura
de Galicia, Ana Isabel Vázquez; Xulio Gil, representante da familia da
autora homenaxeada; Roberto Vilar, actor, comunicador e padriño da
carreira; Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón; Rubén Prol
Mariño, concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas de
Santiago de Compostela; Isidoro Hornillos, presidente da Federación
Galega de Atletismo; Ignacio Seijo Vázquez, director-xerente de Xurdir, e
Iván Sanmartín, director da carreira.
Do Pico Sacro ao Gaiás
A
VII Carreira Camiño das Letras, impulsada en colaboración de Xurdir
S.L, estará adaptada ás restricións da covid-19 e aos protocolos de
seguridade hixiénico-sanitaria. Constará dunha proba absoluta das
categorías máster, sénior, sub23 e sub20 que sairá a partir das 10,00
horas do día 17 de maio desde as proximidades do Pico Sacro e seguirá un
circuíto de 15 km, ao longo da Vía da Prata e baixo o simbolismo do
Camiño de Santiago e da Ruta Xacobea, ata a Cidade da Cultura. Todas as
persoas que participen na proba recibirán no momento da recollida do
dorsal, e como agasallo da organización e da Xunta, un libro dun autor en lingua galega e mais o diploma que acredita a participación
no Camiño das Letras.
Esta iniciativa deportiva-cultural forma
parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolve xa
para renderlle tributo a Xela Arias e para facer partícipe a toda a
sociedade da celebración da festa da lingua galega, o 17 de maio. Máis información