A CORUÑA | O presidente da Deputación da
Coruña, Valentín González Formoso, e o Delegado do Goberno en Galicia, José
Miñones, demandaron hoxe á Xunta de Galicia que destine aos concellos o 15% dos
fondos COVID que recibe do Estado.
Despois da primeira reunión
institucional do presidente provincial co novo delegado do Goberno, ambos
quixeron sumarse á petición emitida nos últimos días pola Federación Española
de Municipios e Provincias (FEMP) e
tamén pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
González Formoso reclamou que
“parte da transferencia que o Estado realizou á Xunta para apoio aos colectivos
económicos máis afectados pola pandemia vaian parar aos concellos xa que son as
entidades máis apegadas á realidade das persoas” e están en primeira liña na
loita contra a pandemia.
“Desde a Deputación poñemos
este ano a dispor dos concellos 90 millóns de euros, que supoñen máis do 50% do
orzamento total desta institución”, afirmou González Formoso, que destacou
tamén que o seu Goberno puxo en marcha no último ano, “con fondos propios e sen
colaboración da Xunta”, plans de axudas directas á hostalaría e aos autónomos e
microempresas máis afectadas pola pandemia por importe de 25 millóns de euros,
nun esforzo sen precedentes por parte da administración provincial para
reactivar a economía da provincia.
José Miñones
Pola súa parte, José Miñones
incidiu en que “os 1.200 millóns de euros que se trasladaron á Xunta de Galicia
para paliar os efectos da COVID súmanse a eses 7.000 millóns de euros que o
Goberno, en diferentes liñas de accións do seu escudo social, está a destinar a
Galicia”.
O delegado do Goberno subliñou
a importancia de que “esas cantidades cheguen aos concellos porque son os que
están a aplicar as políticas necesarias de xestión da pandemia” comezando polos
“272 millóns máis que o Goberno vai a transferir agora a Galicia para eses
gastos sanitarios”.
Sobre o apoio ao sector do
comercio, a hostelería e os autónomos comentou que é vital que “non sexa só a
través das administracións locais, senon que tamén se implique a Xunta de
Galicia con eses fondos do Estado”.
Recurso ante
a retirada de mobles do Pazo de Meirás
Tanto o presidente da
Deputación da Coruña como o delegado do Goberno confirmaron hoxe que ambas
administracións recorreron a dilixencia xudicial que autoriza aos Franco a
retirar bens mobles do Pazo de Meirás.
“Seguimos no camiño de defender
que aqueles bens inventariados que sexan patrimonio do Estado, protexidos polo
ámbito público, se queden no Pazo” declarou Valentín González Formoso. Un
discurso similar ao de José Miñones, que anunciou que “a Abogacía do Estado
segue a traballar no obxectivo común de protexer o que é un ben e patrimonio
público”. Departamento de comunicación