SANTIAGO DE COMPOSTELA | O luns, ás 20.00 horas, o Ateneo
de Santiago ofrece unha conferencia titulada «Aquí Unión Radio. Crónica da
primeira cadea radiofónica» que estará impartida por Ángeles Afuera,
investigadora e ex-documentalista de Cadena Ser. Unión Radio foi o primeiro gran proxecto
radiofónico español, nacido en 1924 e respaldado polas principais compañías
internacionais. O seu obxectivo, que cumpriu nos seus 14 anos de existencia,
foi crear unha cadea de emisoras locais en torno a unha cabeceira potente, a
súa emisora principal, a madrileña Unión
Radio, que comezou a emitir en xuño de 1925. Desde o seu nacemento, Unión
Radio, instalada na Gran Vía, foi a voz e o reflexo dunha época de cambios
políticos e sociais.
Ángeles Afuera é
Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid.
En 1989 suxeriu ao director da cadea Augusto Delkáder a creación dun
departamento de Documentación para preservar o patrimonio sonoro da canle e
apoiar e verificar a veracidade das noticias con documentos sonoros. Deste
xeito, fundou e dirixiu este departamento durante 27 anos ata a súa xubilación
en 2016. Encargouse de dirixir os procesos de catalogación, indización,
minutado e automatización dos fondos radiofónicos en tres aplicacións
diferentes e descubriu pezas radiofónicas que se crían perdidas.
Durante os
seus 40 anos de vida profesional sempre estivo ante o micrófono, tanto nos
Informativos como en programas como Las ciudadanas. Ademais tamén foi
docente de materias de xornalismo dixital e de documentación audiovisual en
cursos a distancia e da Universidade Complutense e publicou numerosos artigos
académicos sobre o tratamento da documentación de radio, así como un manual de
usuario do programa 'Dokumentor'. En 2007 recibiu o Premio Nacional de
Documentación á Calidade e Innovación, concedido pola Sociedad Española de
Documentación e Información (SEDIC), e en 2011 a Antena de
Ouro de Radio, concedida pola Federación de Asociaciones de Radio de España. Departamento de comunicación