MADRID | O BNG rexistra iniciativas no Congreso co obxectivo de paralizar os
macroproxectos dos Parques Eólicos do Val do Folgoso e do Monte dos Porcallos
de 56 MW. Así mesmo exixe que se paralicen todos os proxectos en proceso de
tramitación ante o Ministerio para iniciar a elaboración, xunto coa Xunta de
Galiza e respectando as súas competencias propias, unha planificación eólica
que atenda a criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio e
garanta un desenrolo eólico que respecte o patrimonio cultural e natural así
como o mantemento das actividades agrícolas.
Os proxectos dos Parques Eólicos do Val do Folgoso e
Monte dos Porcallos prevé situarse nos municipios de Lalín, Rodeiro e Dozón, e
prevé unha infraestrutura de evacuación que ocupará terreos nos concellos de
Lalín, Vila de Cruces e Silleda. Os dous parques compartirán as liñas de
evacuación e o seu desenrolo debe facerse conxuntamente, proba de que realmente
tratase dun único parque fragmentado intencionadamente para lograr máis
facilmente a súa autorización.
Non existe unha coordinación ou previsión de conxunto no
desenvolvemento eólico na Galiza. “A tramitación destes
dous parques evidencia a total falta de regulación no procedemento e o
incumprimento do principio de proporcionalidade marcado legalmente, pois a
Administración Xeral do Estado ten nestes momentos en diferentes fases de tramitación
administrativa un conxunto de parques que supoñerían ata 2.524 MW, aos que debe sumarse os parques que
tramita a Xunta de Galiza” enfatiza o deputado nacionalista. Resulta evidente
que a instalación de todos os parques solicitados “é claramente abusiva” e proba
unha falta de planificación ou regulación do procedemento, así como unha “descoordinación
nas competencias atribuídas ao Ministerio, que debe autorizar os parques
superiores a 50 MW”.
A formación nacionalista destaca que a avaliación ambiental non cumpre os
requisitos previstos na normativa, pois estabelece “que debe ser obxecto dunha
avaliación ambiental estratéxica tanto os plans como programas” explica Rego. “Resulta
evidente que a produción eólica planificada nun territorio debe avaliarse e
valorarse no seu conxunto, como un todo, e non de forma fragmentada en partes sometidas a avaliacións
ambientais independentes” afirma o deputado do BNG.
Graves efectos para o sector agrogandeiro
"Estes proxectos provocarán unha forte afectación á actividade económica e
agraria, pola propia instalación dos aeroxeradores que van ocupar boa parte dos
terreos da comarca agora destinados á gandería, mais tamén porque limitarán as actividades a desenvolver
dentro da área de influencia ou poligonal de ambos os parques, onde non se
poderán levantar naves, silos, etc, que poden ser necesarios para o futuro das
explotacións” expón Néstor Rego.
Ademais,
implicará a creación de servidumes de paso para o acceso en superficie e para a
condución subterránea o que impedirá que nesas áreas se poda modificar ou
alterar o terreo.
Outra das graves consecuencias derivadas da instalación destes parques será
“a alteración da rede hídrica de augas subterráneas e superficiais, ao construír
accesos, canalizacións e zapatas para o asentamento dos aeroxeradores” que
afectará aos nacentes de fontes e mananciais, modificando a achega de auga de
reda das explotacións, indica o deputado nacionalista. .
Afectación a especies protexidas
A instalación dos dous megaparques tamén terá graves consecuencias para o
patrimonio natural pois “causará a expulsión da súa área de cría a varias
especies de aves en risco de extinción como son a Gatafornela e a Tartaraña
cincenta”, destaca o portavoz do BNG no Congreso. “Ademais tamén porán en risco
o ecosistema fluvial do Rego das Abellas, incluído na Rede Natura, onde existen
exemplares doutra especie en perigo, o mexilón de río”. Departamento de comunicación