MADRID | O BNG denuncia que a tramitación da
Proposición de Lei para a Transferencia da AP-9 á Galiza se está a demorar de
maneira inxustificada desde o pasado mes de febreiro en que foi admitida a
trámite polo Pleno do Congreso. Co obxectivo de que poida ser aprobada canto
antes, o deputado do BNG, Néstor Rego, convoca para este mércores os deputados
e deputadas electas na Galiza de PSOE, PP e Unidas Podemos para acordar
conxuntamente as accións a realizar para ver concluída e aprobada a
transferencia da AP-9 ao noso País.
A forza nacionalista lembra que, por iniciativa do BNG, a Proposición de
Lei para a Transferencia da AP-9 foi aprobada por unanimidade no Parlamento da
Galiza e trasladada ao Congreso. Após o bloqueo inicial por parte da Mesa
-presidida polo Partido Popular- e do debate no ano 2018 -inconcluso como
consecuencia da finalización da lexislatura- voltou ao Congreso no 2 de
febreiro de 2021, sendo aprobada a toma en consideración. O día 5 de febreiro o
BNG solicitou á Mesa a tramitación polo procedemento de urxencia, o que foi
acordado por este órgano o día 9 dese mes.
No entanto, a Mesa vén prorrogando semanalmente o prazo de presentación de
emendas ao articulado desde o día 22 de febreiro até a actualidade. Para o
deputado nacionalista, Néstor Rego, “a tramitación e aprobación desta Lei
estase facendo agardar demasiado e entendemos que non hai moitivo xustificado
para a dilación dunha Proposición de Lei que foi acordada por unanimidade na
Cámara galega e admitida a trámite no Congreso por amplísima maioría”.
Rego lembra que PSOE, PP e UP teñen 8 dos 9 membros da Mesa do Congreso e
que, por tanto, depende destes partidos que non sexan aprobadas novas prórrogas
semanais ao prazo de emendas e que a Proposición de Lei poida ir de forma
inmediata a debate na Comisión de Transportes e ser aprobada canto antes polo
Pleno do Congreso, mesmo neste período de sesións.
“Cremos que a unanimidade que se
produciu no Parlamento da Galiza debe trasladarse tamén ao Congreso para que o
conxunto dos deputados e deputadas electos pola Galiza reclamemos a tramitación
canto antes desta Proposición de Lei”, sinala Rego. Con ese obxectivo, o
depuado nacionalista convocou os deputados e deputadas galegas dos outros
grupos a unha reunión nesta cuarta feira (16), á 1 da tarde, no Congreso, “para
acordar conxuntamente as accións a realizar para ver concluída e aprobada o
antes posíbel a transferencia da AP-9 ao noso País”.
Aliás, o deputado do BNG dirixiu un escrito á Mesa do Congreso para que non
continúe prorrogando o parzo de emendas, como vén facendo desde o día 22 de
febreiro, de maneira que se produza o debate de forma inmediata. Departamento de comunicación