El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

A CORUÑA | DOUS ANOS DE MANDATO

Inés Rey: "Queremos facer unha Coruña máis igualitaria e sustentable"

15-06-2021 14:07:09
Inés Rey, alcaldesa de A Coruña.

A CORUÑA | Facer da Coruña unha cidade máis igualitaria, con máis oportunidades os coruñeses, con mellor calidade de vida. Estes son os eixes que vertebrarán a actuación do Goberno local nos vindeiros dous anos en que se farán investimentos con fondos propios en todos os barrios da cidade por valor de 50 millóns de euros. A alcaldesa, Inés Rey, que xunto ao grupo de Goberno fixo esta mañá no Aquarium balance da súa xestión no ecuador do mandato, quixo aproveitar a ocasión para avanzar os seus obxectivos de cara aos vindeiros dous anos. “Non debemos centrarnos na autocompracencia polo feito, nin perder moito tempo mirando cara a atrás. É momento de mirar cara a diante e configurar o camiño que nos queda por percorrer”, dixo.

A alcaldesa cualificou de esenciais os acordos alcanzados cos grupos da oposición durante a crise da pandemia, e apuntou que a súa vontade é acadar novos pactos para construír unha cidade máis igualitaria. “É de xustiza agradecerlle á oposición a súa colaboración e apoio para afrontar os investimentos e plans máis importantes que puxemos en marcha até agora, en especial agradezo o apoio brindado desde as forzas progresistas. O apoio dos grupos do BNG e da Marea Atlántica foi esencial para poñer en marcha importantes melloras e así teño que recoñecelo e agradecelo”, dixo. 

Rey lembrou unha vez máis que empezou o mandato declarando que este sería o mandato do diálogo: “Diálogo co resto das forzas políticas e diálogo con outras administracións por enriba das lexítimas diferenzas”, e resumiu en catro eixes as actuacións levadas a cabo polo seu Goberno durante a primeira metade do mandato:

1.- Unha cidade con máis oportunidades  

Contribuíndo á dinamización económica axilizando os trámites e facilitando o investimento privado. Dende o 1 de xullo de 2019 concedéronse na cidade 1.553 licenzas de actividade e 1.279 de obra, a meirande parte delas de vivenda.Unha cidade máis humana. Apostando por gañar espazo para as persoas. Nestes dous anos creáronse 30.900 metros cadrados de novos espazos peonís e mellorouse a calidade urbana da cidade con 419 actuacións executadas por valor de 29 millóns de euros.

2.- Unha cidade solidaria  

Actuando con todos os recursos dispoñibles para facer fronte á pandemia. Entre o PRESCO do 2020 e a proposta que se está a negociar para este ano, os fondos destinados a mitigar os efectos da Covid, só con eses plans, superan os 20 millóns de euros. Ningún concello en Galicia mobilizou esa cantidade de recursos. E ningún en España do tamaño do noso fixo o mesmo. 

3.- Unha cidade dialogante 

O resultado foron compromisos de investimentos na cidade que superan os 700 millóns de euros: o tren a Langosteira, a rexeneración da ría do Burgo, a estación Intermodal, a reforma de Alfonso Molina, a ampliación da Pasaxe e a construción do novo Chuac son os feitos máis visibles.

A rexedora quixo centrarse nos vindeiros dous anos en que o Goberno local, dixo, seguirá apostando por establecer unha nova relación entre a cidadanía e a cidade cunha nova mobilidade, unha Coruña que camiña, afondando nas peonalizacións coobxectivo de dobrar a superficie peonil ampliada nestes dous anos, ata os 45.000 metros cadrados. ”Queremos unha cidade na que as rúas e prazas deixen de ser pensadas como lugar de paso para ser un lugar no que estar”, dixo ao tempo que incidiu na expansión dos espazos peonís, das zonas verdes e do transporte público, coa renovación do ferrocarril, a construción da pasarela de Pedralonga, a aposta pola bicicleta como medio de transporte e a apertura de espazos libres de tráfico.

O Goberno, avanzou, traballará para acadar unha cidade máis sostible ambiental e socialmente. A Coruña será unha cidade máis verde e máis coidada, con mellores servizos de limpeza que xa están a actuar, e coa creación de novas zonas verdes, como o bosque de Feáns, que servirá tamén para revitalizar ese enclave. Afondarase na revalorización dos xardíns de Méndez Núñez e tamén do histórico xardín de San Carlos e poñerase en marcha o plan director de Santa Margarida. A pandemia serviu, dixo Rey, para nos decatarmos da importancia de contar cun espazo urbano de calidade, e niso traballaremos, como coa renovación das instalacións deportivas dos campos da Torre, a apertura do centro deportivo do Castrillón ou co campo de fútbol de Eirís.

Mais a alcaldesa lembrou tamén que a pandemia puxo de relevo a importancia de contar cun tecido asociativo forte e cuns servizos sociais de calidade. “Somos a cidade galega que máis inviste en benestar social e seguiremos a selo. Se no 2020 fomos os primeiros en presentar un PRESCO, repetiremos tamén no 2021. Os primeiros e os que máis contía destinaron a lles axudar ás cidadás e aos cidadáns”, sinalou.

E, por último, a alcaldesa sinalou que A Coruña debe ser unha cidade con servizos en todos barrios. “A Coruña é unha cidade que non se entende sen os barrios que a compoñen. Por iso todo investimento na cidade ten que ser un investimento nos seus barrios”, dixo. Na primeira metade do mandato executáronse obras en todos eles por 29 millóns de euros. O Goberno local ten previsto investimentos, moitos deles xa licitados, adxudicados ou en proxecto, por valor de 50 millóns de euros. Desde grandes obras como a renovación do mercado de Monte Alto, o centro xuvenil nas naves do Metrosidero, a remodelación da praza José Toubes ou a renovación da iluminación pública (máis de 21.000 puntos de luz) en toda a cidade, até outras moito máis pequenas, mais igualmente precisas, que van desde melloras na pavimentación até actuacións para favorecer a mobilidade ou renovar os parques infantís.

Para Rey, facer unha cidade mellor supón contribuír a crear unha cidade que xere oportunidades para a cidadanía. Por iso, o Goberno local contribuirá á reactivación económica apoiando proxectos como a Cidade das TIC, fomentando o turismo de congresos e abrindo a fachada marítima do porto ás cidadás e aos cidadáns e ás persoas visitantes para aumentar os atractivos que A Coruña xa tiña. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias