El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "Este boom eólico é unha bomba para o rural"

21-06-2021 15:15:46
Ana Pontón, líder do BNG.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a Casa Grande de Xanceda para coñecer de primeira man a repercusión do boom eólico que, deseñado a favor do lobby eléctrico, supón literalmente unha “bomba” para o medio rural que ameaza con levarse por diante riqueza e emprego, mentres afonda no abandono e na despoboación.  

“Este boom eólico depredador e especulativo é unha bomba para o medio rural e está deseñado de costas ao medio rural, pensado unicamente para o lucro das eléctricas que teñen unha cadeira no Consello da Xunta e outra no Consello de Ministrxs”, denunciou, “un modelo que ameaza proxectos emblemáticos de desenvolvemento no medio rural, capaces de recuperar terras, fixar poboación e crear emprego, e todo iso de maneira sustentable e pechando un ciclo produtivo”, recalcou.  

Tras unha visita guiada pola explotación, Pontón subliñou que son este tipo de iniciativas ás que dan vida e futuro ao rural fronte a un modelo eólico de rapina á medida do lobby eléctrico, “que consume os recursos naturais do País se deixar nada a cambio”. Neste sentido, a líder do Bloque indicou que Galiza ten xa máis de 4.000 aeroxeneradores instalados en 106 concellos do rural, a maior densidade de muíños por habitante, “pero eses municipios lonxe de ter máis riqueza, emprego e desenvolvemento perden poboación, servizos e calidade de vida”.  

O que debía ser un factor de prosperidade pasa a ser un elemento de destrución do territorio porque está deseñado a beneficio dun puñado de multinacionais como Endesa, Naturgy ou Iberdrola e, recalcou, o BNG non vai asumir un modelo depredador que se deseña “pasando por riba da xente do medio rural”. Por contra, a formación nacionalista defende un modelo eólico ao servizo de Galiza.  

Un modelo respectuoso co medio rural e coa xente do medio rural, respectuoso co medio ambiente e xusto no social, con participación pública nos beneficios da riqueza eólica, un modelo vinculado ao desenvolvemento de proxectos industriais que xeren emprego e riqueza e que abarate a factura da luz cunha tarifa eléctrica galega.  

“Temos dereito a unha tarifa da luz máis baixa por ser produtores e polo custe ambiental e social que iso implica, pero Feixóo leva doce anos vetando a tarifa eléctrica galega alegando que en Madrid non o entenderían. O que non entenden os galegos e as galegas é que teñamos o territorio cheo de muíños e de encoros pero non recibimos ningún beneficio. É unha cuestión de xustiza e imos dar esa batalla política porque temos dereito a unha tarifa diferenciada como en Alemaña, Dinamarca, Noruega, ou Reino Unido, todos teñen tarifas diferenciadas de tal xeito que as zonas produtoras pagan menos pola luz e aquí tamén temos dereito”, recalcou.  
 
A líder do Bloque subliñou que os proxectos de parques eólicos, -un auténtico aluvión que se tramitan tanto ante o Goberno da Xunta como ante o Goberno central-, non se proxectan nos montes como se fixo no pasado, senón que se proxectan ao lado de núcleos de poboación, de actividades económicas, de explotacións agrogandeiras que se verían ameazadas por aeroxeneradores xigantes de nova xeración de 200 metros de altura.


Portas xiratorias PP-PSOE  

“Sabemos cales son as consecuencias do abandono de terras, da perda de poboación, do envellecemento e por iso é incrible que se permita o avance na destrución do medio rural unicamente para beneficiar ao lobby eléctrico e así vemos despois como funcionan as portas xiratorias PP-PSOE”, criticou.  

Pontón agradeceu a visita guiada e felicitou a toda equipa que fai posible un proxecto como a Casa Grande de Xanceda que, xunto con moitas outras explotacións e iniciativas ao longo do País, demostra que outro rural é posible sumando tradición e innovación, un rural vivo, produtivo e integrado no medio ambiento, un rural da Galiza do século XXI, capaz de xerar riqueza e emprego.  

A visita, tanto ás instalacións como aos terreos afectados polos proxectos de parques eólicos, tamén asistiron os deputados de Medio Ambiente e Medio Rural, Luís Bará e Xosé Luís Rivas, a deputada pola comarca, Iria Carreira e a portavoz municipal en Mesía, Beatriz Louro. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias