El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

ARZÚA | MELIDE

O BNG urxe o Goberno a actuar na N-547 entre Arzúa e Melide

26-06-2021 11:14:35

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para reclamar a actuación inmediata do Goberno do Estado na N-547 entre Arzúa e Melide en que se contabilizan até catro puntos negros. A formación nacionalista reclama a corrección do trazado e a adecuada sinalización da estrada, así como a intervención do Ministerio na travesía que atravesa o centro urbano de Arzúa ante a alta densidade do tráfico que pon en risco aos viandantes.

No tramo da  N-547 que vai desde Arzúa a Melide rexístranse ata varios puntos cunha alta concentración de accidentes, de feito, este tramo é un dos de maior sinistralidade da  Rede de Estradas do Estado, o que fai imprescindíbel intervir para mellorar a seguridade viaria. O Ministerio xa actuou nalgún dos puntos mais continúan a producirse numerosos sinistros e moitos deles mortais.

Porén, a situación de perigo viuse agravada nos últimos meses polo grande aumento de tráfico que está a soportar esta estrada debido a que a autovía A-54 entre Arzúa e Palas de Rei está aínda en obras. Así, todo o tráfico que circula por esta vía de alta capacidade debe volver á estrada convencional e circular por ela, atravesando núcleos de poboación, até que pode volver incorporarse. 

“Aínda a semana pasada produciuse un accidente resultando dous coches envorcados e persoas no interior delas. Esta situación non pode manterse no tempo e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que actuar de maneira inmediata” destaca o deputado do BNG. Neste sentido, o BNG propón que se interveña no tramo da nacional entre Arzúa e Melide estabelecendo as correccións do trazado, sinalización e “cantas medidas considere necesarias para reducir o perigo da vía” e prestando especial atención no paso da estrada por Ribadiso, A Portela, Boente e Barreiro.

Así mesmo, a formación nacionalista tamén considera urxente a actuación na travesía da N-547 polo centro urbano de Arzúa, que desde que se abriu ao tráfico o tramo da A-54 Lavacolla-Arzúa, sufriu un notábel aumento de tránsito e supuxo un incremento no número de accidentes e atropelos. “Nos días de tráfico máis intenso fórmanse longas colas e retencións, sobre todo no cruzamento entre a  N-547 e as AC-234 e AC-905. Como consecuencia, a veciñanza de Arzúa ten que soportar as molestias derivadas do ruído e vibracións, sobre todo dos camións e vehículos de transporte pesado, ademais do maior perigo ao ter que atravesar unha das rúas principais da vila” subliña o deputado nacionalista.

Neste sentido, Néstor Rego chama a acometer tamén unha actuación urxente no centro urbano de Arzúa para implantar as medidas necesarias para asegurar a redución da velocidade dos vehículos e garantir a seguridade viaria, como por exemplo colocando pasos de peóns elevados. “A solución definitiva será rematar o máis axiña posíbel os tramos que faltan da A-54 pois, unha vez rematada, moito do tráfico que pasa agora pola vila deixaría de facelo, porén, mentres ese obxectivo non se acade deben ser tomadas medidas que dean máis seguridade” puntualiza finalmente o deputado nacionalista. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias