SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado
do Bloque no Congreso, Néstor Rego, avanzaron unha ofensiva nas institucións
estatais e europeas para que se cumpran os requirimentos do procedemento de
infracción aberto en xaneiro de 2019 contra o Estado español por incumprir a
normativa europea de seguridade ferroviaria. “Dous anos e medio despois deste tirón
de orellas contra o Estado español e oito despois do tráxico accidente de
Angrois, pensamos que é tempo máis que suficiente para avanzar e cumprir a
normativa de seguridade ferroviaria e que non se volva producir un accidente
tan grave”, manifestan as nacionalistas.
Tanto Miranda como Rego
criticaron os continuos retrasos por parte do goberno do Estado para cumprir as
demandas de Europa, con escusas consecutivas, como as eleccións, o goberno en
funcións ou a pandemia, segundo a propia Comisión Europea explicou na resposta
a unha pregunta formulada polo BNG no Parlamento Europeo. “Imos manter unha
reunión coa actual director xeral de Transportes, para que nos detalle os datos
técnicos dos incumprimentos do Estado español”, destacou ao respecto Ana Miranda,
quen avanzou que tamén está previsto a celebración dun encontro coa actual
comisaria de Transportes. Adina Valean, a partir do mes de outubro.
Para a portavoz do BNG en
Europa “é inadmisible que o cambio de comisaria de Transportes –xa en novembro
de 2019- supoña novos atrasos no papel que debe ter a Comisión Europea a
respecto do cumprimento dos procedementos de infracción”. Neste sentido
salientou a boa disposición da anterior comisaria de Transportes, Violeta Bulc,
coa que tanto o BNG, encabezado por Ana Pontón e Ana Miranda, como as vítimas
do Alvia se reuniron en diferentes ocasións.
Transparencia
“Unha das cuestións nas que
incidirei no encontro coa Comisión Europea é, ademais da falta de transparencia
do goberno español, a inexistencia dunha investigación independente do
accidente do Alvia, algo que o goberno español tamén ten que explicar”,
manifestou Miranda. Neste sentido, o deputado do BNG, Néstor Rego, anunciou que
solicita a comparecencia do ministro de Transportes, José Luis Abalos, para que
explique os atrasos do Ministerio de Transportes, ADIF e RENFE en cumprir o
plan de acción ferroviaria requirido por Bruxelas ao Goberno estatal.
Rego denunciou asemade a
falta de transparencia do goberno do Estado e por iso reclama información
detallada sobre o plan de acción ferroviaria xa enviado á Comisión Europea,
pero do que aínda non se coñece ningún dato, así como información detallada das
reunións mantidas entre o goberno estatal e a Comisión Europea. “Temos que
criticar non só a falta de dilixencia do goberno español, senón tamén a falta
de transparencia á hora de trasladar a información”, sinalou.
O deputado nacionalista
criticou igualmente non só que siga sen facerse unha investigación independente
do accidente do Alvia, senón que que a CIAF non fose renovada, como demandou o
deputado do BNG no Congreso hai xa uns meses. "Estamos a uns días da
celebración do accidente na capital galega e a sociedade galega e as vítimas
non teñen resposta, é parte do desleixo que o Estado ten coa aposta pola
mellora das infraestruturas ferroviarias e pola seguridade en Galiza",
afirmou Néstor Rego. Departamento de comunicación