El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

CONCESIÓNS HIDROELÉCTRICAS

O BNG defende que as concesións hidroeléctricas que caducan pasen a xestión publica

12-07-2021 17:49:24

MADRID | O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra na cámara estatal iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado que comece, no prazo de seis meses, as modificacións lexislativas precisas nas concesións hidroeléctricas para que volvan a mans públicas e garantir unha xestión pública e xusta dos recursos enerxéticos. A iniciativa ten como obxecto que, nos expedientes de reversión coa caducidade da concesión, sexa autorizada a cesión gratuíta da explotación dos saltos a favor do territorio en que está construído e se leven a cabo políticas públicas que favorezan o interese xeral e a competitividade económica e conseguir así beneficios en favor do conxunto da sociedade.

“No caso galego, o sector enerxético ten un enorme valor estratéxico polo que representa no seu Produto Interior Bruto e máis por ser un factor relevante na produción industrial. A pesar disto, Galiza apenas conta con capacidade de decisión para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos” explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

De facto, ao longo dos anos, o territorio galego foi forzado a especializarse na xeración de electricidade xogando un papel fundamental como subministradora de enerxía eléctrica para o resto de territorios do Estado español. Así mesmo, destaca, aínda a día de hoxe, polo seu potencial hidroeléctrico chegando a unha potencia de 3.738 MW, 18% do total do Estado. Esta potencia concéntrase en 166 centrais hidráulicas: 45 de gran hidráulica e 121 de pequena hidráulica. “A construción destas centrais supuxo a perda de núcleos de poboación, desprazamentos internos da xente e mesmo inundacións de terras fértiles, así como ocupacións de terras que non sempre foron pacíficas” lembra Rego mentres apunta os custos sociais e ambientais que supuxo para Galicia a implantación deste tipo de infraestruturas.

Así mesmo, a maioría das concesións realizáronse cando a retribución estaba fixada polo Goberno do Estado mais a día de hoxe, as concesionarias encargadas da produción eléctrica teñen un gran incremento dos beneficios. “Alén do máis, estes beneficios chovidos do ceo non repercuten na poboación local. É dicir, non existen contraprestacións sociais nos territorios onde se construíron” sinala o deputado nacionalista.

Por este motivo, a organización nacionalista reclama a reversión dos aproveitamentos hidroeléctricos á xestión pública, polos organismos de conca ou por entidades públicas creadas para iso. “Deben ter fins de utilidade pública e interese social de forma que se actúe como  vector de crecemento económico en sentido amplo, sobre todo nos territorios concretos de implantación, e supoña progreso social para o conxunto da poboación, estreitando o vínculo entre enerxía e sociedade” demanda Rego. Neste sentido, o deputado no Congreso lembra que o BNG defende a creación dunha empresa pública galega que xestione a produción eléctrica na Galicia, que podería facerse cargo da explotación destes saltos eléctricos, e lograr así que o beneficio económico que xeran repercuta en favor de todos os galegos e galegas.

No final da vixencia da concesión, a lexislación estabelece o deber para revertelas á Administración Pública en perfectas condicións de funcionamento. Con todo, a arbitrariedade nas concesións iniciais, as modificacións lexislativas acomodadas aos intereses das concesionarias, a dispersión -premeditada e caótica- das competencias administrativas, xunto ao caos organizativo resultante nos expedientes e a ausencia de transparencia nos datos máis básicos, como o final da concesión, fan que non se coñeza ningunha planificación para a recuperación destes activos de xeración eléctrica. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias