OURENSE | O
Xulgado de Instrución número 3 de Ourense decretou que se deixe sen
efecto o sobresemento da causa sobre as presuntas
irregularidades na xestión dos fondos da formación política Democracia
Ourensana en relación cos feitos que puidesen ser constitutivos dun
delito de malversación do artigo 432 do Código penal e concordantes. A
xuíza, desta forma, acolleu o recurso contra o
arquivo provisional do caso interposto polo exvicepresidente da
formación política e un exasesor.
Por
iso, acordou que, ao marxe da continuación da investigación xudicial,
se remita ao Tribunal de Contas copia da denuncia e das declaracións
practicadas durante a instrución, así como da proba documental
relacionada coas doazóns efectuadas por asesores e edís a Democracia
Ourensana. Ademais, a xuíza ordenou que se solicite un informe
relacionado coa fiscalización da actividade económico-financeira
do partido entre o 3 de febreiro de 2016 e o 31 de decembro de 2020 e
que se examine “a suxeición ao principio de legalidade” das doazóns
efectuadas a Democracia Ourensana.
No
auto, contra o que cabe presentar recurso de apelación, a instrutora
considera que hai indicios “racionais” da posible comisión dun
delito de malversación. Así, destaca as declaracións das testemuñas que
relatan “a observación nas contas de saídas de cartos con destino a
contas persoais do alcalde de Ourense
e a contratación dunha persoa para a realización das mesmas funcións
para o Concello, a Deputación e Jolper”. Ademais, destaca “a confusión
de patrimonios que resulta da declaración dun exasesor e os
requirimentos do Tribunal de Contas, así como da declaración
doutro exasesor, que asegura que o alcalde lle dixo que había unha
débeda de Auria Televisión de 60.000 euros”.
A todo
iso, segundo a xuíza, “engádese que das contas non resulta a
xustificación dos múltiples pagos efectuados por canto contablemente
fanse constar cantidades cuxa existencia non consta”. Departamento de comunicación