El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

A CORUÑA

O BNG urxe reabrir os xardíns do Observatorio Meteorolóxico da Coruña

16-07-2021 12:26:29
Néstor Rego, deputado do BNG.

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que reabra ao público os xardíns do Observatorio Meteorolóxico da Coruña que se atopan agora sen uso despois de seren modernizadas as instalacións da AEMET, co obxectivo de que a veciñanza goce dunha zona verde para o lecer. Esta zona verde é unha das poucas coas que conta o barrio da Agra do Orzán e debe ser posto a disposición dos seus veciños e veciñas.

Coa automatización do Observatorio Meteorolóxico da Coruña, a AEMET xa non precisa os terreos que se atopan no seu a redor para as súas funcións. Só é necesario manter na zona algúns dos aparellos de medición que seguen en funcionamento para o que se precisan uns poucos metros de terreo con acceso restrinxido e protexido, mais o resto de xardíns e espazos verdes non van a verse afectados.

Así, é preciso por un lado que “se aceleren as negociacións e concluír, canto antes, o convenio de colaboración para a cesión destes terreos ao Concello da Coruña tal e como xa se reclamara polo BNG” mais, entre tanto, nada impide reabrir os xardíns e destinar estas zonas verdes ao goce e desfrute da veciñanza do barrio da Agra do Orzán e do conxunto dos cidadáns da Coruña” explica Néstor Rego. A día de hoxe, estes terreos atópanse en desuso e fechado o acceso para os veciños e veciñas desde o comezo da pandemia “cando antes estaba aberto a todo o mundo e podía empregarse como unha zona de lecer ao ar libre”.

Os terreos do Observatorio sitúanse no barrio da Agra  do Orzán, un dos máis populosos e densamente urbanizados da cidade que padeceu desde as súas orixes as consecuencias dun urbanismo salvaxe e depredador e, debido ao cal, segue sufrindo unha grande carencia de zonas verdes e espazos públicos na actualidade. Os seus veciños necesitan espazos públicos para respirar, camiñar, para o seu benestar persoal.

Por este motivo, a formación nacionalista urxe reabrir ao público os xardíns para que todos os veciños e veciñas gocen da zona verde e dun lecer seguro. “No momento actual da pandemia é máis necesario que nunca habilitar espazos públicos onde desenvolver actividades ao aire libre de forma segura, mantendo as distancias de seguridade e, desta maneira, evitar contaxios” subliña Rego.

Para logralo, o BNG lembra que xa presentou iniciativas tanto no  Concello da Coruña como no Congreso dos para reclamar ao Goberno do Estado que realizase as xestións necesarias e se cedesen ou permuten os terreos, agora sen uso, do Observatorio Meteorolóxico e que estes sexan cualificados como zonas verdes.

Ese proceso parece estar en marcha, tal e como recoñeceu o propio Goberno, en resposta a unha pregunta formulada polo BNG, na que declara estar en negociacións co Concello para acordar a utilización dos devanditos terreos de forma que satisfaga as necesidades da Corporación e ao mesmo tempo sexa compatíbel cos requirimentos para a adecuada prestación dos servizos meteorolóxicos que realiza AEMET na Galiza.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias