MADRID | O BNG demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
que adopte as medidas necesarias para a retirada inmediata das tubaxes de
fibrocemento reforzadas con amianto abandonadas na praia da Barquiña en Noia. A
formación nacionalista quer pór fin á situación de insalubridade e o perigo de
contaminación que os residuos están a xerar e reclama ao executivo estatal
liñas de financiamento para as localidades afectadas polo amianto, así como
estabelecer un plan de retirada urxente nos edificios públicos de titularidade
do Goberno do Estado.
“Sábese desde comezos do século XX que o amianto era canceríxeno mais, pese
ao incremento dos casos detectados, no Estado español non se prohibiu a súa
utilización nin a súa comercialización até 2002” lembra o deputado do BNG no
Congreso, Néstor Rego. Así mesmo, destaca que no caso da localidade de Noia,
comezouse a construción integral en 1995 e durante esta actuación, instaláronse
na praia da Barquiña tubaxes de fibrocemento de maneira subterránea.
Na actualidade, decenas destas tubaxes aloraron e “atópanse esparexidas
pola superficie do litoral, a escasa distancia das casas habitadas e mesmo sen
cumprir, a día de hoxe, unha función específica”. Isto supón un risco á saúde
ao que se lle suma o feito da contaminación ambiental e á degradación
paisaxística da contorna. “Non pode entenderse que permanezan abandonadas as
tubaxes con amianto. Resulta evidente que as administracións públicas teñen que
actuar para eliminalo das construcións e edificacións de titularidade pública”.
“É urxente poñer en marcha unha estratexia específica. Un plan de retirada
dos materiais con presenza de amianto. Por iso, tamén é urxente que a Dirección
Xeral de Costas e Mar realice as accións necesarias para retirar as tubaxes
nesta praia de Noia e pór fin á situación de grave risco para a saúde e o
perigo de contaminación que está a xerar” explica Rego nas iniciativas
rexistradas.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da
Dirección Xeral da Costa e o Mar, ten
como principal obxectivo protexer o medio ambiente costeiro e mariño
polo que ten competencias
sobre a zona de costa e o dominio
público marítimo e, en consecuencia, debe actuar e garantir a eliminación de
focos de contaminación como o existente na Barquiña.
Así mesmo, o MITECO “debe prever liñas de financiamiento e apoio ás administracións
territoriais e aos cidadáns e cidadás afectados pola presenza de amianto para
lograr a efectiva retirada de todos eses materiais potencialmente perigosos e a
súa substitución por outros seguros en vivendas e construcións”.
O executivo estatal propuxo que antes de 2023 os
concellos elaboren unha listaxe das instalacións e emprazamentos con amianto
para que se planifique a súa retirada. Con todo, esta previsión “non é
suficiente” para a formación nacionalista, non pode descargarse toda a
responsabilidade do Estado para a
retirada do amianto
nas administracións locais e nas
CCAA ou na sociedade civil sen achegar os medios económicos e materiais
suficientes para iso. Departamento de comunicación