MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra novamente iniciativas para que o
Goberno do Estado e, en concreto, o MITECO cumpra co deber de compensar
economicamente as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo mentres dure o
dragado ambiental da Ría que impide que sigan desenvolvendo a súa actividade.
Así mesmo, a formación reclama que o Ministerio comunique á Confraría da Coruña
toda a información relativa ao estado actual e a evolución dos traballos.
As obras de limpeza do fondo da Ría é unha acción
moi esperada que se comeza a materializar coa adxudicación das obras para a UTE
integrada por Acciona Construción. Con todo, o comezo dos traballos xera
tamén preocupación para o sector marisqueiro, pois existe aínda moita incerteza
sobre como se paliarán e compensarán as consecuencias negativas que as obras
terán para a actividade marisqueira que se verá interrompida por ser incompatíbel
coas obras.
“As
obras terán unha duración aproximada de 26 meses, tempo en que as mariscadoras
e mariscadores, agrupado na Confraría, non poderán realizar a súa actividade
económica” apunta do deputado do BNG. Por este motivo, resulta “imprescindíbel
coñecer con antelación a data de inicio dos traballos, cando se paralizarán os
plans de xestión en vigor e, sobre todo, que administración se fará cargo das
compensacións económicas”.
O Ministerio para a Transición
Ecolóxica e o Reto Demográfico a pesar de ser a Administración da que dependen
as obras, até o momento negou toda responsabilidade para a asunción das
compensacións descargando esa obriga e alegando que o marisqueo é competencia
directa de Xunta de Galiza. Este argumento foi refutado polo informe feito
público recentemente elaborado por Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito
Administrativo da USC, a petición da Consellaría do Mar. Neste relatorio
baseándose na Lei Costas, nas competencias administrativas e na xurisprudencia,
conclúe, tal e como viñan defendendo a Confraría, a Xunta e como xa reclamara o
BNG, que as obras son competencia da Administración Xeral do Estado e que son
esas obras as que teñen como consecuencia a indispoñibilidade do dominio
público marítimo-terrestre, tamén para o marisqueo. En consecuencia, é o
Ministerio quen debe artellar as compensacións económicas aos mariscadores e
mariscadoras.
“A posición mantida polo MITECO
non se axusta á legalidade vixente. O proxecto de dragaxe ambiental é unha
actuación que debe cualificarse como obra de interese xeral de competencia da
Administración xeral do Estado” enfatiza o deputado nacionalista. Así, as
competencias da Xunta de Galiza sobre a zona de dominio público marítimo en
materia de marisqueo e acuicultura, non poderían nunca impedir ou obstaculizar
a execución desas obras.
Dado
que a execución do proxecto de dragaxe ambiental da Ría do Burgo é incompatíbel coa continuidade da
actividade marisqueira na zona afectada polas obras mentres estas
desenvólvanse, a Xunta de Galiza verase obrigada a suspender esa actividade. “É
dicir, a execución do devandito proxecto determina a indispoñibilidade do
dominio público marítimo-terrestre para calquera actividade que resulte
incompatible coas obras e, esa indispoñibilidade é consecuencia da decisión
adoptada polo Ministerio de exercer as súas competencias sobre o litoral para a
execución dunha obra pública de interese xeral, a dragaxe da ría” reivindica
Rego. “En definitiva, o MITECO debe actuar de forma áxil e transparente para
cumprir co seu deber e estabelecer as compensacións aos mariscadores e
mariscadoras e que estean dispoñíbeis no momento en que dean comezo as obras de
dragaxe” conclúe o deputado do BNG. Departamento de comunicación