SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG chama ao Goberno do Estado a convocar a Mesa de Traballo para buscar
fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo e ENCE, en coordinación
coas distintas administracións públicas implicadas, após a primeira xuntanza o
pasado 21 de abril. A formación nacionalista propón aprobar un calendario de
actuacións para que, Xunta e Goberno do Estado, dean solucións para que a
actividade industrial continúe.
O pasado 15 de xullo, na Sala do contencioso
administrativo da Audiencia Nacional, anulábase a prórroga da concesión de
Costas da que ENCE gozaba desde o 2016 e que lle permitiu seguir en Lourizán
máis tempo do que o título orixinal estabelecía. A resolución destaca que a
localización actual da pasteira en dominio público marítimo terrestre non se
xustifica, xa que non precisa de acceso á lámina de auga, polo que non precisa
instalarse en dominio público marítimo terrestre.
“A sentenza vén dar a razón aos distintos
colectivos, organizacións e institucións que defenderon nos últimos anos a
saída da fábrica da Ría” destaca o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Con todo, o traslado da fábrica abre unha serie de incógnitas e incertezas
sobre a continuidade da actividade e, polo tanto, tamén os postos de traballo. “É
preciso que o Goberno do Estado convoque a Mesa de traballo sobre ENCE e que se
aprobe un calendario para que, conxuntamente entre todas as administracións
implicadas, cheguen a unha solución e dea continuidade aos postos de traballo e
á actividade industrial” reivindica Rego.
A Mesa, constituída o pasado 21 de abril a
iniciativa da Confederación Intersindical Galega (CIG), aínda non tivo outra
xuntanza posteriormente e, agora, despois da resolución da Audiencia Nacional urxe
abordar o traslado inmediato de ENCE e a instalación da planta nunha
localización adecuada para “garantir a continuidade real dos postos de traballo
e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos
produtivos na Galiza” declara o deputado nacionalista.
“Debe actuarse de forma urxente e pór as medidas para evitar que o
resultado final deste conflito sexa inxusto, unha vez máis, para a clase
traballadora e o conxunto da Galiza. Debe lembrarse que a ENCE ten beneficios
millonarios, pero aínda así non adoptou as medidas necesaria para pór en marcha
o traslado das instalacións actuais e non fixo os investimentos que permitirían
pechar todo o ciclo produtivo do papel, o que xeraría o triplo do emprego
actual e minimizaría o dano ambiental e social” lembra o deputado nacionalista.
Debe inverterse a situación actual, garantindo que a riqueza forestal de
Galiza se poña ao servizo da creación de emprego digno e dun desenvolvemento
industrial sustentábel. “O forestal é un sector estratéxico que non pode
depender das decisións de empresas privadas, necesita o impulso de políticas
públicas” conclúe Rego. Departamento de comunicación