El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "Queremos unha Galicia enmarcada no proxecto europeo"

11-09-2021 18:35:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co eurodeputado socialista Nicolás González Casares para amosar o compromiso europeísta do socialismo galego e abordar a xestión dos fondos europeos ante o reto da modernización de Galicia.

Neste marco, o máximo dirixente do PSdeG pediu a Feijóo “que se reúna” cos líderes dos grupos parlamentarios para abordar as prioridades e xestión dos fondos Next Generation. Así, chamou a levar a cabo un “gran acordo de país” que permita unha “utilización eficiente, capaz e solidaria para que os fondos europeos sexan a enerxía renovable que impulse a modernización e o futuro do noso país”.

“O goberno da Xunta foi incapaz de conseguir acordos e establecer as prioridades da utilización dos fondos europeos”, censurou Gonzalo Caballero despois de lembrar que, ao principio, Feijóo “dixo que tiña 7 proxectos importantes, que logo eran 106 e despois 354”, o que pon de manifesto unha “política desnortada, sen rumbo, sen estratexia”.

Así, Gonzalo Caballero censurou unha política de “brazos caídos”, baseada na “inercia” e na “inacción”, con falla de ambición e “sen medidas nin estratexia” para facer fronte aos retos do futuro. “En Galicia temos que facer ben os deberes”, reivindicou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, logo de incidir en que “Europa está mobilizando unha inxente cantidade de fondos públicos que as administracións poden dedicar á modernización, cohesión e aos retos da dobre transición ecolóxica e dixital”. “Galicia non pode perder a oportunidade dun aproveitamento solidario e eficiente dos fondos europeos”, subliñou.

Fronte a isto, o responsable socialista lembrou que o último informe do Consello de Contas da Xunta sinalou que, nos últimos anos, “houbo unha baixa execución dos fondos europeos”, xa que a Xunta “non executou 4 de cada 10 euros” que chegaron de Europa, o cal cualificou como “un balance negativo”.


O eixe europeísta da ponencia marco do PSdeG

Neste marco, o líder do PSdeG reivindicou o “galeguismo europeísta” do PSdeG. “Os socialistas galegos temos unha clara vocación europeísta”, destacou Gonzalo Caballero ao sinalar que galeguismo e europeísmo son “dúas caras do PSdeG” ao entender “a defensa dos intereses de Galicia cunha vocación cosmopolita” e “recollendo de Europa as mellores tradicións, ideas e compromisos coa xustiza social e coa solidariedade”.

Ao fío disto, o dirixente socialista comunicou que o eurodeputado Nicolás González Casares será ponente do eixe europeísta da ponencia marco do próximo Congreso do PSdeG para “traballar sobre o papel de Galicia en Europa e tamén no mundo”. “Queremos unha Galicia enmarcada no proxecto europeo”, reivindicou Gonzalo Caballero, “no que as persoas e a cidadanía estean á fronte dos intereses de todas as políticas públicas dende Bruxelas a Santiago pasando por Madrid, dende todos os niveis de goberno”.


Nicolás González

Pola súa banda, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares amosou o seu agradecemento ao secretario xeral logo de que este lle encargase o eixe da ponencia do partido “para conectar Galicia con Europa”. “Europa acaba de demostrar que é un escudo protector da cidadanía” nun tempo no que “hai que reducir desigualdades”, destacou o responsable socialista quen chamou a crear unha Galicia “conectada con Europa” e máis cando “a Xunta non se está enganchando ás novas transicións ecolóxicas e dixitais”. “Galicia debe confiar en Europa porque Europa confía en Galicia”, sentenciou.

Por último, lamentou que a estratexia de Feijóo estea baseada na “confrontación, non só co goberno de España, senón incluso con Europa” logo de lembrar as críticas á estratexia de vacinación por parte do goberno galego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias