MADRID | O deputado Néstor Rego, defende
no Congreso a emenda de devolución presentada polo BNG ao Proxecto de Lei polo
que se crea un Fondo de Sustentabilidade do Sistema Eléctrico pois considera
imprescindible abrir en sede parlamentar un debate profundo sobre as políticas
que é necesario implantar para lograr un verdadeiro abaratamento da factura, e
da imprescindible reforma do sistema eléctrico. A transición enerxética
verdadeiramente xusta non pode recaer unicamente nas maiorías sociais e nas
clases traballadoras, nin pode facerse a costa do espolio dos recursos naturais
do territorio galego.
A aprobación deste Proxecto de Lei suporá unha rebaixa no custo do recibo
eléctrico mais producirá o efecto contrario nos carburantes e no gas natural.
Ambos encarecerán o seu prezo mais no Proxecto tamén estabelece determinadas
excepcións como o gasóleo B para uso agrícola, a navegación (incluída a pesca);
e mecanismos de compensación para o transporte de mercancía por estrada,
transporte de pasaxeiros, taxis ou servizo de aluguer de vehículos sen condutor.
“Mais con esta regulación o único que se logra é trasladar os custes dun
produto a outro: da enerxía eléctrica aos carburantes. Isto non é aceptábel
porque o proceso de descarbonización recaerá fundamentalmente sobre as maiorías
sociais e as clases populares na súa condición de consumidores de servizos
básicos” explica o deputado do BNG. “Non poden considerarse como unha
transición xusta e por iso reclamamos que o Proxecto sexa devolto ao Goberno do
Estado e afondar no debate sobre o abaratamento da factura da luz” reivindica
Rego.
A formación nacionalista propón como alternativa ao Proxecto que os
Orzamentos Xerais do Estado (OXE) asuman o pago das primas “o que suporía unha
rebaixa real de produtos básico como a electricidade e os carburantes e garantiría
unha transición xusta”. As primas, segundo apuntou Rego, nacen dunha decisión
política para impulsar as enerxías renovábeis mais esta decisión nunca debería
ter sido trasladada aos recibos eléctricos. “A creación dun fondo de
sustentabilidade podería ser útil se se prevé o seu fornecemento con achegas a
cargo das grandes empresas eléctricas ao tempo que se lles prohibe que
trasladen ese custo ás persoas consumidoras. Así, evitaríase o que xa pasa
agora, por exemplo, co imposto á xeración de enerxía que as empresas eléctricas
pagan en teoría, pero que repercuten na factura e que polo tanto, na práctica,
pagamos todos e todas”.
“É imprescindíbel un debate profundo e unha reforma do actual sistema
eléctrico que conduza a adopción de medidas que verdadeiramente sirvan para
abaratar a factura da luz e facela máis xusta socialmente. Neste debate debe
estar presente a nacionalización das grandes compañías eléctricas, porque a
enerxía é un ben público e a súa produción ten que servir para o
desenvolvemento social” demanda o deputado nacionalista. “Agora cos fondos
europeos Next Generation as grandes empresas eléctricas apúntanse para recibir
diñeiro co fomento das enerxías renovábeis. Só Endesa e Iberdrola solicitan
máis de 35.000 millóns de euros” explica Rego mentres sinala que os seus
proxectos se financiarán con fondos públicos e sen retorno mentres se lucran co
prezo da luz.
Reivindicar a
Tarifa Eléctrica Galega
Por último, o deputado nacionalista defende a creación dunha Tarifa
Eléctrica propia, pois o territorio da Galiza, como País produtor de enerxía,
padece o impacto ambiental e social, porén, non recibe a cambio ningún tipo de beneficio
ou compensación. “Hai comarcas galegas que xeran máis electricidade que toda a
Comunidade de Madrid, que é deficitaria nun 95%, e pagan a factura máis cara”
critica Rego. “Non pode entenderse que se apliquen igualmente os custes de
trasladar a enerxía, cando as persoas consumidoras galegas viven a poucos
metros das fontes de produción e que non se compense por soportar a instalación
dos parques eólicos ou centrais hidroeléctricas”.
“O BNG seguirá defendendo unha Tarifa Eléctrica Galega que abarate a
factura da Luz na Galiza en beneficio das consumidoras e consumidores
particulares e das empresas galegas, compensando así o papel da Galiza como
produtora excedentaria de enerxía eléctrica e o forte impacto ambiental e
social” conclúe o deputado do BNG. Departamento de comunicación