RIANXO | Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o IES Félix Muriel leva anos desenvolvendo un acto simbólico en recordo das mulleres asasinadas ao longo do ano a mans da violencia de xénero.
Este ano, como os anteriores, o alumnado de 2º de Bacharelato encargouse da realización de distintas tarefas e actividades ao longo de todo o mes e fóra do horario lectivo, tamén nas redes sociais, ademais da impartición de charlas no resto de cursos. A campaña proposta por este alumnado este curso xira arredor da necesidade de visibilizar a violencia contra as mulleres, da idea de que a violencia está en todas partes, pero a veces non queremos vela até que batemos con ela. Para levala a cabo, deseñaron 38 siluetas que simbolizan ás 38 mulleres asasinadas en España desde o 25N de 2020. Ao carón do cadáver simbólico colocaron unha ficha cunha breve biografía para facer presente na sociedade á muller asasinada. A intención deste proxecto é chamar a atención do alumnado, que tiveran que pararse a comprobar as siluetas e a información sobre as vítimas. Desde a primeira semana de novembro, fóronse pegando na galería de entrada ao centro, a maneira de mural, as noticias recollidas na prensa sobre violencia de xénero. Ademais tamén se traballou nas aulas a orixe do 25N e a necesidade da súa reivindicación para erradicar a violencia contra as mulleres, que non empeza cos feminicidios senón por formas invisibles e sutís de control, que é preciso detectar a tempo. Por último, crearon tamén unha conta de Instagram para dar visibilidade ao proxecto nas redes.
Hoxe, 25N, tivo lugar o acto. Ás 12:30 reuniuse todo o alumnado do centro. Comezou coa lectura dun manifesto deseñado polos alumnos de último curso e gardouse un minuto de silencio por todas as mulleres asasinadas . Posteriormente a alumna Carolina Gómez de 1º de Bacharelato interpretou unha canción e o grupo de instrumentos de vento formado por sete alumnas do centro tocou dúas pezas musicais. Para finalizar o acto repartíronse chapas e pulseiras violetas entre o alumnado. Este programa naceu coa fin de contribuír á eliminación da violencia de xénero desde o ámbito educativo. Departamento de comunicación