El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

SOGAMA

A Universidade Blas Pascal de Arxentina cualifica a Sogama como "caso de éxito"

25-11-2021 16:38:37
Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama.

CERCEDA | Convidado pola Universidade Blas Pascal de Arxentina, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, impartiu, vía online, un relatorio sobre o sistema de xestión de residuos urbanos impulsado por esta empresa pública, estando dirixido ao alumnado da diplomatura en xestión sostible de residuos sólidos, así como ao persoal técnico e político dos municipios da provincia de Córdoba. 

Domínguez realizou un percorrido polos fitos máis relevantes da evolución de Sogama desde a súa creación, no ano 1992, ata o día de hoxe, e lembrou que a empresa comezou a súa andaina cun vertedoiro controlado en Areosa (Cerceda), habilitado para acoller os residuos urbanos de Vigo debido á ameaza que entón representaba a vertedoiro municipal de O Zondal para a cidade olívica e a súa área marítima.  

Desde entón, a compañía foi crecendo de forma progresiva desde a dimensión industrial (apostando en todo momento polas mellores tecnoloxías dispoñibles), económica (alcanzando a súa viabilidade plena), e desde a social (creando riqueza e emprego -máis dun milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos-, e levando a cabo unha importante tarefa de formación e concienciación ambiental da cidadanía. 

En 2016, realizou unha firme aposta pola sustentabilidade ao promover o transporte de residuos por ferrocarril, pasando do 25% ao 55% na actualidade, e tamén conseguiu, grazas á ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, incrementar a súa achega á reciclaxe nun 45% e diminuír a vertedura directa en máis dun 98%. Iso permitiralle alcanzar en breve a vertedura técnica cero, esixencia imposta polo Parlamento Europeo a todos os Estados membros para o ano 2035. 

Así mesmo, Domínguez Lino lembrou que o proxecto Sogama contou desde os seus inicios co aval da Unión Europea a través da concesión de 72 millóns de euros procedentes do Fondo de Cohesión. A esta cifra súmanse os 125 millóns do Project Finance e os 31 millóns de capital social inicial. En 2018, a entidade conseguiu amortizar e cancelar o préstamo bancario, así como a débeda subordinada, acometendo a partir de entón os investimentos con fondos propios, que ascenden a 90 millóns de euros nos últimos anos. 


O canon máis barato de Galicia e de España 

O máximo responsable desta compañía, abundou tamén en que, grazas á venda de enerxía procedente dos residuos non reciclables, o canon que pagan os concellos galegos pola xestión de residuos no modelo Sogama é o máis barato de Galicia e de España, “Un 45% dos ingresos da empresa proceden do canon, outro 45% da venda de enerxía e un 10% da venda de materiais con destino a reciclaxe”, indicou. Respecto do canon, precisou que, desde hai 3 anos, aplícase unha bonificación do 10% aos concellos que cumpran dous requisitos: promover a redución da produción de residuos e/ou a reciclaxe dos envases lixeiros, e repercutir esta rebaixa no recibo dos veciños.
 
En 2022, a Sociedade aplicará, con carácter xeral, unha rebaixa do canon do 5%, manterá a bonificación do 10% e non repercutirá o IPC correspondente, estimado nun 5%. Sumando os distintos conceptos, a rebaixa total podería chegar ao 20%, o que representa un aforro para os galegos de 9 millóns de euros.
 
O webinar estivo coordinado e dirixido por Silvio Romano, que actualmente é director de Xestión Integral de Residuos Sólidos do Goberno da Provincia de Santa Cruz, ademais de director da diplomatura en xestión sostible de residuos sólidos na Universidade Blas Pascal e docente de grao, posgrao e investigador na Universidade Nacional da Patagonia Austral. En 2019, Romano tivo a oportunidade de visitar o Complexo cercedense tras viaxar por Europa para coñecer outras plantas similares.
 
Con carácter previo ao peche do evento, eloxiou a exposición tan clara do sistema Sogama por parte do seu presidente, cualificando a xestión desta entidade pública como caso de éxito, da que destacou unha serie de atributos de gran interese: o seu carácter de empresa pública; o seu esquema de transporte a través de ferrocarril; o seu obxectivo de alcanzar a vertedura técnica cero; a aplicación de tecnoloxías de vangarda; e a articulación dunha rede de infraestruturas que permitirán á meirande parte dos concellos galegos acceder á valorización da materia orgánica. Departamento de comunicación
 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias