El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

FESTIVAL INTERNACIONAL REBULIR

Ramirás engalánase con folclores do mundo

16-12-2021 18:13:48
Presentado o Festival Internacional Rebulir.

RAMIRÁS | Por décimo sexto ano consecutivo, a cultura, historia e tradición, chegados dende diferentes puntos do planeta e representados en forma de folclore sobre o escenario, chegan ao concello ourensán de Ramirás da man do Festival Internacional Rebulir (FIR). Convértese novamente no berce do certame que avoga dende os seus inicios no 2005 por achegar mostras dos pobos a todos os públicos, cunha gala central o próximo sábado 18 no polideportivo de O Picouto, no mesmo concello. 

O FIR, organizado pola Asociación Cultural Rebulir, co apoio institucional da Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; a Secretaría Xeral de Cultura; a Secretaría Xeral de Política Lingüística; a Secretaría Xeral de Emigración; a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través da marca Galicia Calidade; o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Deputación de Ourense, INORDE, Concello de Ramirás, Concello de Celanova e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, foi presentado e inaugurado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ao acto asistiron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora territorial de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Sandra Quintas; a alcaldesa do Concello de Ramirás, Isabel Gil; e o director artístico do FIR2021, Alexandre Sotelino.

Como cada ano, o certame folclórico conta cunha programación moi ampla e para todos os públicos, coma obradoiros, concertos e actividades na rúa. Pola súa parte, e como prato forte, a gala central do FIR, prevista para as 19,00 horas deste sábado, acollerá as actuacións de cinco agrupacións, entre elas o colectivo anfitrión Rebulir. Subirán ás táboas do escenario o grupo Quitus, representando a Ecuador; Tangra, facendo o mesmo con Bulgaria; o grupo folclórico de Cacia, de Portugal; e Mayalde, de Salamanca. Asemade, esta décimo sexta edición do certame será conducida polo polifacético artista Pulpiño Viascón.  

Nesta gala central, entregaranse tamén os galardóns aos Premios Rebulir da Cultura Galega 2021: na categoría musical a Xabier Díaz, un recoñecemento no eido da música tradicional, tanto dentro como fóra de Galicia; ao Xabarín Club no eido das artes escénicas, pola súa contribución á normalización lingüística e á difusión da cultura galega; e na cateogoría homenaxe, polo seu arraigo á literatura galega e pola súa vinculación con Ramirás e Celanova, ao presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Nogueira. A mención de honra será para os emigrantes retornados na comarca de Celanova, pola súa aportación e implicación co festival dende os seus inicios. 


Alexandre Sotelino

No acto de presentación, o director artístico do FIR2021, Alexandre Sotelino, salientou a “insistencia do colectivo Rebulir para loitar contra as adversidades e se nos presentan e a resistencia a non deixar de facelo e negarnos a cancelalo”. Referíndose ás medidas adoptadas e derivadas da Covid-19, insistiu en que se tratará dun festival seguro, “poñendo en marcha protocolos extraordinarios, incluso por riba do que nos solicita a normativa”. Deste xeito, todas as actividades contempladas no programa do Festival verán os seus aforos reducidos ao 60%, podendo deste xeito garantir a distancia de seguridade entre individuos e grupos. Ademáis da ventilación e medidores de componentes no aire, a organización do FIR2021 ten invertido gran parte  do seu presuposto en deceas de probas de detección da Covid-19. Neste campo, indicou Sotelino, “toda a organización, o corpo técnico e o elenco de artistas, estarán sometidos a un test diario durante os catro días dun festival no que a convivencia é a raíña, pero con seguridades e cautela para todos”.

En canto ás novidades que presenta o certame respecto das edicións anteriores, o director artístico fixo fincapé nun programa máis amplo, máis diverso e máis inclusivo: “poñemos sobre a mesa máis actividades, dun rango de índole más extenso e para todos os públicos, dende bebés ata anciáns”. Neste marco, destacou a foliada itinerante prevista para mañá venres polas rúas de Celanova, que levará ás prazas rúas e corredoiras da capital da comarca actuacións e actividades simultáneas.  

A gala central do sábado, e por primeira vez, o festival contará con dous escenarios dentro do polideportivo de O Picouto para alternar as intervencións das agrupacións participantes, obtendo unha gala “máis dinámica, rápida e curta, con transicións lúdicas e entretidas para o espectador”, finalizou Sotelino.


Rosendo Fernández 

Abirndo a quenda de intervencións na mesa de presentación do Centro Cultural Marcos Valcárcel, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou a labor do colectivo Rebulir en prol de achegar aos veciños deste “pequeno gran municipio unha gran variedade de manifestacións etnográficas e folclóricas para aprender das mesmas”. Fernández fixo tamén fincapé na implicación das institucións e dos diferentes sectores sociais do concello e da súa comarca para levar a cabo unha cita xa consolidada “que pon en valor a cultura galega e propicia unha convivencia intercultural entre participantes e asistentes desenvolvendo habilidades relacionais e potenciando a carga cultlural e turística de Ramirás.


Rosario Álvarez 

Ao acto asistiu tamén a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen subliñou a forza do traballo de Rebulir por poñer en valor a cultura de raíz, “pois sen ela nada máis poderiamos construir”. Falou da exposición “A Galicia Imaxinada”, que se abrirá este mediodía no marco da programación do FIR2021 e coorganizada polo Consello da Cultura Galega. A exposición amosa ao mundo “a acollida dos países aos que  chegaron os nosos emigrantes, forxando a cultura dos sitios os que foron sen perder o vínculo ca terra”, falando da importancia da emigración e da imaxe que se foi consolidando de Galicia grazas ao apousamento dos nosos emigrantes.


Sandra Quintás 

Pola súa banda, a coordinadora territorial de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Sandra Quintas, destacou o traballo incesante de Rebulir na recuperación e manifestación da cultura galega, “poñéndoa en valor dun xeito accesible para todo o mundo e devolvéndolle ao pobo o que é seu”. Nesta liña, Quintas agradeceu a colaboración de entidades públicas e privadas “para manter vivo o noso rural, escoitando a chamada da terra a prol do mantemento da nosa cultura, con todas as trabas ás que nos estamos enfrentando e converténdoa nunha encomenda imparable”. 


Isabel Gil 

A alcaldesa do Concello de Ramirás, Isabel Gil, amosou o seu orgullo por representar “o berce do folclore nesta próxima fin de semana en Galicia”, poñendo o seu grao de área para levar a cabo este evento “polo que todos os veciños do concello están agradecidos, emocionados e orgullosos un ano máis”. Gil insistiu na aplicación dos protocolos de seguridade ante a Covid-19 e quixo pedir desculpas a todos aqueles que este ano non poden desfrutar das actividades previstas no FIR2021 por mor das restriccións, cos que se sinte “no compromiso de manter este festival moitos anos máis para agradecerlles a implicación dende o seu inicio”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias